luns, 27 de marzo de 2023

CELEBRAMOS O DÍA DA AUGA COÑECENDO ANIMAIS MARIÑOS

Para celebrar o día da auga, non podíamos facer nada mellor que aprender máis sobre os habitantes do mar, porque si coñecemos e respectamos máis aos animais mariños, tamén os coidaremos máis e por tanto coidaremos os nosos mares, ríos...
David, pai de Olivia de 1º, e Susi, viñeron dende o Instituto de investigacións mariñas do CSIC, que é un dos principais centros de investigación mariña da Península Ibérica.
De forma moi amena e cercana, ensináronnos un monton de cousas sobre os animais mariños, pasámolo fenomenal!

Ademais adaptaron as súas explicacións aos máis peques que tamén desfrutaron e aprenderon un montón sobre os animais que viven no mar.

Graciñas a David pola súa implicación e por facilitarnos tanto todo, que marabilla ter familias tan dispostas! e grazas tamén a Susi: pasámolo xenial e aprendemos un montón!!!

TEÑO UNHA CANCIÓN PARA TI (4ª TEMPADA_8)

Dende A VOZ DE ARNALDO facémosvos unha nova entrega de...
Por aquí vos deixamos o programa do día de hoxe...
8º PROGRAMA
DEDICATORIAS:
- "Thunder" que Nicolás lle dedica ao profe Óscar.
- "Soldadito de hierro" que Daniela lle dedica a Naroa.
- "Waka Waka" que Martín lle dedica a Izan, Leo e Edydan, Tania a Andrés e Lucía a profe Alexia.
- "I lava you" que Fuco lle dedica a Naroa
- "Don´t you worry" que Ari e María lle dedican ás súas nais e Isabella e Uxía lle dedican a toda a clase de 5 anos.
- "La Macarena" que Nerea lle dedica a todo o cole.
- "Calma" que Sara lle dedica a Clara e Hugo a Joel.
 

venres, 24 de marzo de 2023

HORA DO PLANETA

A Hora do Planeta é un movemento mundial no que participan máis de 190 países e millóns de persoas apagando as luces dos seus fogares, empresas, edificios e monumentos máis emblemáticos.
O movemento naceu hai 17 anos en Sidney, Australia, e desde entón converteuse no maior símbolo de loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade.
Animámosvos a participar no simbólico xesto de apagar a luz o día 25 de marzo de 20.30 a 21.30h.


Os próximos 7 anos son cruciais para manternos dentro dos límites planetarios e por baixo do limiar climático de 1,5 °C; pola contra, pasaremos a un estado de degradación ambiental irreversible e sufriremos gravísimos impactos do cambio climático.

mércores, 22 de marzo de 2023

TEÑO UNHA CANCIÓN PARA TI (4ª TEMPADA_7)

Dende A VOZ DE ARNALDO facémosvos unha nova entrega de...

Por aquí vos deixamos o programa do día de hoxe...
7º PROGRAMA
Dedicatorias:
- "Me porto bonito" que Joel lle dedica a Roque.
- "Mariposas" que Mateo lle dedica a toda a clase de 3 anos e Nicolás ao profe Óscar.
- "Monotonía" que Sabela Reboiras lle dedica a Zeltia.
- "Playa del inglés" que Hugo lle dedica a Pedro e Dimitri.
- "Fiesta pagana" que Hugo lle dedica a todo o cole.
- "Despechá" que Laia lle dedica a Leire, Vera López a Eva e Eloi e Nicolás ao profe Óscar.
- "Limbo" que Carlota lle dedica a toda a clase.

xoves, 16 de marzo de 2023

TEÑO UNHA CANCIÓN PARA TI (4ª TEMPADA_6)

Dende A VOZ DE ARNALDO facémosvos unha nova entrega de...
Por aquí vos deixamos o programa do día de hoxe...
6º PROGRAMA
Dedicatorias:
- "Osito gominola" que Olivia lle dedica a todo o cole, Gael ao seu compañeiro Antón e Tania Portela a maría González.
- "Tacones rojos" que Raquel Pastoriza lle dedica a Olivia.
- "Música ligera" que Eugenio lle dedica a Enzo.
- "Veleno" que Tomé lle dedica a Xavi.
- "Quédate" que Demir lle dedica a Isabella.
- "Bomba" que Sofía lle dedica a Lucía.
- "Gangnam style" que Adrián lle dedica a toda a súa clase de 6º de primaria.

luns, 13 de marzo de 2023

NOVAS REVISTAS NA BIBLIO

 Á biblio non paran de chegar revistas!! Hoxe tócalle a Eva falar dos últimos números que recibimos.


Están a vosa disposición!
Moitas grazas, Eva por colaborar coa nosa biblio!!

SEMANA DA PRENSA MARZO 2023

MULLERES - PRENSA - DEPORTE
Do 6 ao 10 de marzo conmemoramos á semana da prensa no CEIP de Seixo. En todas as aulas do centro realizáronse actividades relacionadas coa prensa tanto en formato papel como en formato dixital.

    

Unha das actividades de prensa realizadas este ano e feita cooperativamente, dende a área de Educación Física, entre todo o alumnado do centro foi a elaboración do mural que se amosa. Para o mesmo cada alumno e alumna do centro aportu o seu graniño de traballo: traendo novas relacionadas coa muller no deporte, seleccionando as que servían para facer o deseño da silueta feminina, deseñando e elaborando as letras do título, debuxando e coloreando os balóns e pelotas dos diferentes deportes que coñecen e dos que se falaban nas novas que se apotaron e finalmente montando o mural.

Bo traballo rapaces e rapazas, 
que chulo nos quedou!!!!!  

venres, 10 de marzo de 2023

8 M en Seixo

Os libros son un recurso fantástico para todo, e tamen nos achegan á vida de mulleres fantásticas que loitaron e seguen loitando para que todas as mulleres teñan os mesmos dereitos, por iso na biblio hai unha exposición cunha selección especial.


Grazas ao equipo de voluntarias que fixo un traballo fantástico montando a exposición... son unhas currantas!

O alumnado de infantil, este ano, centrase na figura das avoas como mulleres fundamentais nas nosas vidas. Estamos coñecéndoas e descubrindo porque son unhas super avoas. Traballan a partir dun conto que podedes escoitar narrado polo alumnado de 5 anos que o fai de marabilla... e ademais en galego!


O alumnado de 2º investigou a historia de diferentes mulleres que ao longo da historia loitaron por ter os mesmos dereitos para as mulleres. Fixeron un súper traballo de investigación que compartiron co resto do alumnado visitando todas as clases. Queredes coñecer a estas mulleres?

xoves, 9 de marzo de 2023

OBRADOIRO DE RADIO NA BIBLIO CON PEDRO IGLESIAS

Un ano máis e dentro do programa de RADIO NA BIBLIO as nenas e nenos de 5º de primaria puidemos desfrutar dun taller moi interesante da man de PEDRO IGLESIAS...
A temática do taller foi "Gravación e mestura para radio e podcast", unha formación introdutoria ao mundo da radio e do podcast dende un punto de vista máis técnico.
Nel, aprenderemos que é o que fai que unha gravación sexa de calidade...
Realizamos a nosa propia sesión de gravación multipista con Audacity, software libre de audio...
E tamén usamos dito programa para editar, procesar e mesturar dita sesión, a través de diferentes técnicas empregadas polos profesionais do son...

Pedro moitísimas gracias pola túa formación! Ata outra!

mércores, 8 de marzo de 2023

SAÍDA PONTEVEDRA E MUSEO 2ºEP, 3ºEP, 4ºEP E 5ºEP

O xoves 2 de marzo, o alumnado de 2º, 3º, 4º e 5º de educación primaria do centro foron de excursión a Pontevedra. Visitamos o Mercado Municipal, diferentes rúas e monumentos emblemáticos da cidade e fomos ao Museo onde realizamos diversos obradoiros segundo a idade.
O alumnado de 2º de EP investigou cun obradoiro sobre a Prehistoria, no que estiveron buscando ouro entre pedras e area, elaboraron unha peite como o que levaba Trea (unha nena da prehistoria) e crearon un colgante no que gravaron motivos rupestres.
O alumnado de 3º e 4º de EP fixeron de detectives da arte nas salas de artistas galegos. Nesta visita dinamizada na que, a través dun xogo de investigación e busca, traballaron conceptos fundamentais da arte( xéneros de pintura máis comúns: retrato, bodegón e paisaxe; soporte e técnica: pedra, escaiola, madeira ou metal, acuarela, óleo, pastel,.... arte figurrativa e arte abstracta) e aprenderon por medio da observación cubrindo un caderno de detectives.
A continuación deixamos un vídeo da saída no que se amosan os diferentes espazos visitados:


O alumnado de 5º EP realizaron o obradoiro Museando, no que realizaron un itinerario xeral para coñecer as coleccións máis salientables do museo. Coa visita percorreron máis de 300.000 anos de historia para observar a paulatina transformación dos elementos de cultura material e a evolución da arte galega desde a Idade Media ata o século XX. Aquí un vídeo da súa saída:

luns, 6 de marzo de 2023

FORMACIÓN DE FISIOTERAPIA

As nenas e nenos de 3º e 6º de primaria vimos de participar nunha sesión de formación sobre dor de espalda e correcta postura corporal.
Fátima Crespo (Fisioterapeuta de Unidade de Fisioterapia do Centro de Saúde de Marín) foi a encargada de impartirnos a formación.
Foi unha actividade levada a cabo no marco colaborativo do noso cole coas entidades e servizos próximos a nosa contorna, neste caso co servizo de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra Norte.
 
Agardamos poder seguir facendo este tipo de actividades e seguir aprendendo moitas mais cousas...
Gracias Fátima! Ata outra!

venres, 3 de marzo de 2023

TEÑO UNHA CANCIÓN PARA TI (4ª TEMPADA_5)

Dende A VOZ DE ARNALDO facémosvos unha nova entrega de...
Por aquí vos deixamos o programa do día de hoxe...
5º PROGRAMA
Dedicatorias:
- "Rivers of mercy" que Azul lle dedica a Olivia da súa clase de 1º de primaria.
- "Dale vieja dale" que Aine lle dedica ao seu profe Edu.
- "Waka Waka": Raúl dedícalla á súa profe Alexia, Lucía a Sofía de 6º de primaria, Naroa a Noa tamén de 6º, Mario de 6º a todo o cole e Sofía de 6º de primaria a toda a súa clase.
- "Mariposas" que Sara Garrido lle dedica a Irene da súa clase de 5 anos de infantil.
- "La Roja baila" que Adrián lle quere dedicar a toda a súa clase de 6º de primaria.
- "Baby shark" que Anxo Riveiro lle dedica a Nico da súa clase de infantil de 4 anos e que Vera Méndez lle dedica a Vera López tamén da clase de 4 anos de infantil.
- "Don´t you worry" que Antía da clase de 5 anos de infantil lle quere dedicar a seu pai.

mércores, 1 de marzo de 2023

UNHA CONSTRUCIÓN RqueR

Dentro do programa "Bibliotecas creativas" fixemos un obradoiro colectivo no que, entre todo o alumnado, creamos unha cabana natural e viva plantando vimbio. Construímos a cabana mediante técnicas de cestería e fibras vexetais, unha construción RqueR que fixemos empregando procesos respectuosos co entorno. Mirade o traballo que fixemos durante 10 horas resumido en menos de 3 minutos: pasámolo fenomenal!!!


Julia de la Cal (La Parabólica) e Samuel dirixiron esta construción feita con vimbio fresco. Primeiro construímos co vimbio varios arcos para obter a estrutura principal. Para crear ese espazo natural aplicamos a cestería intuitiva, tamén chamada ‘técnica niño’, que se inspira na natureza: en como os paxaros tecen os seu niños. A pesar de non ter coñecementos previos en cestería, coa guía de Julia e Samuel fomos entrelazando as varas de vimbio, sobre a estrutura inicial, para conseguir ao final a cabana realizada en equipo: unha semicúpula con varias entradas para favorecer o xogo.


Agora temos que regala e coidala moito para que brote e desfrutar nela de momentos de xogo, de lectura... será un espazo que de seguro nos dará momentos marabillosos!