Amosando publicacións coa etiqueta colaboracion familias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta colaboracion familias. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de maio de 2026

FESTIVIDADE DOS MAIOS 2026

E por fin chegou o día e así lucían de fermosos e engalanados os nosos maios...
Antes da celebración quixemos facernos unha fotiño con eles así que por aquí vos deixamos os nosos recordos...


 
 
Cantamos e tocamos os paus con moita ilusión... e desfrutamos moito...
Por aquí vos deixamos as coplas deste ano...
Nesta ocasión o noso maio viaxou ao día seguinte ata a Casa da Cultura de Seixo para participar na festividade da nosa vila...
Tamén desfrutamos moito e ata recibimos un agasallo...
Non queremos despedirnos sen darlle as gracias a Milita, Isabel e Maruja de Loira e Aurita de Santomé. 
A todas as mamás das nenas e nenos do cole que nos viñeron axudar e como non á nosa ANPA ABELENDOS xa que sin elas esta tradición non sería posible...
Moitísimas gracias!

luns, 27 de abril de 2026

OS MAIOS 2026

Xa está en marcha a FESTAS DOS MAIOS do Cole de Seixo..

 

Dende primeira hora as nenas e nenos de 5º e 6º de primaria xa están traballando arreo xunto coas mamás e avoas especialistas no tema...

O noso maio, que agora está espido, lucirá ben fermoso e engalanado este Xoves para celebrar por todo o alto a súa festividade...

 

martes, 21 de abril de 2026

SEIXO PARTICIPA NO III FESTIVAL DE CINE NO MAR

Da man das nenas e nenos de 6º de primaria, o Ceip de Seixo vai participar na...
III FESTIVAL DE CINE DO MAR


E antes de que se presente o traballo no propio festival, no cole quixemos facer unha PREESTREA...
para que todo o alumnado vise o documental antes que ninguén...

Un documental no que as nenas e nenos entrevistaron aos seus avós e pais para coñecer un pouquiño máis sobre as súas vidas no mar...
E como non podía ser doutro xeito invitamos a vir a esta preestrea aos verdadeiros protagonistas...
Moitísimas gracias a Alberto papá de Lucía, a  Xosé Bernardo avó de Darío, a Francisco José avó de Laura Piñeiro, a Antonio avó de Antón e Aine, a Jose avó de Gael, a Camilo avó de Mario e a Jose papá de Aine e Antón...
E a vós rapaces e rapaces xa que sin a vosa colaboración este traballo non podería ser posible...

martes, 24 de decembro de 2024

NADAL 2024

O Nadal está cheo de momentos especiais, e os mellores son compartidos, por iso, ademais das moitas actividades que fixemos en cada aula, as máis desfrutadas foron as que fixemos todo o cole xuntos. Como a visita a correos para botar no buzón as postais que fixemos uns para outros: estamos desexando que cheguen ás casas!

 

O día de cine xa se está convertendo nunha tradición chulísima. En Seixo está o cine máis antigo de España e temos moita sorte por poder ir ata alí dando un paseo e que unha familia, que formou parte do cole, nos reciba con tanto cariño.
 

Xa compartimos o precioso que foi o FESTIVAL (podedes acceder premendo AQUÍ) e cando rematou desfrutamos dunha deliciosa chocolatada feita pola ANPA, que un ano máis nos brinda unha axuda imprescindible para que os días especiais sexan aínda mellores (decoración, cine, chocolate, visita de Papá Noel... non paran!!)
 

E por suposto rematamos 2024 coa visita máis especial e esperada de todas!


Despedímonos, ata 2025, cun saúdo mooooi especial que acaba de chegar ao correo do cole!!

venres, 1 de novembro de 2024

SAMAÍN 2024

Un ano máis despedimos outubro celebrando o Samaín no que o pasamos pipa! Grazas a ANPA tivemos o cole ambientado sen perder o punto divertido desta festa, para poder desfrutala todos! 
Ademais das actividades que se fixeron en cada aula, xuntos desfrutamos da lectura ás escuras, da exposición de cabazas y dunha merendola terroríficamente deliciosa! Un ano máis alucinamos coa creatividade das familias á hora de preparar as cabazas e as merendas: sodes as mellores!!

luns, 20 de maio de 2024

VISITA DA PROTECTORA DE CANS

Este ano visitáronnos Sara e Lea, unha entrañable cadeliña, que viñeron dende a protectora Ohana, onde colabora a profe Alexia. Viñeron a contarnos a fantástica labor que fan alí coidando e buscando familia para tantos cans que coidan con moito cariño. Desfrutamos moito da súa visita.

E ademais colaboramos coa protectora traendo os produtos que máis necesitan e facendo donativos para comprar comida especial para os peludos máis pequeniños. Xuntáronse cartos para comprar un montón de penso, Sara e lea mandáronnos unha foto con todo o que mercamos. Graciñas familias pola vosa colaboración!!


Hai moitas formas de seguir axudando, por exemplo sacandoos a pasear. Podedes informarvos máis no seu FACEBOOK ou en INSTAGRAM.

xoves, 9 de maio de 2024

MAIOS 2024

Chegou a primavera e Seixo foise enchendo de flores, así que non podíamos perder a oportunidade de darlle a benvida á primavera coa festa dos Maios, que tanto nos gusta. Puxémonos a ensaiar un montón para cantar as coplas, e coa axuda das familias xuntamos un montón de material para montar uns maios preciosos. Graciñas á ANPA por organizar a montaxe e ás mamás e avoas por vir a axudarnos. Mirade canto traballamos, somos unha tropa de artistas!
 

Estamos moi agradecidos a Elena, antiga presidenta da ANPA, que é unha experta e sempre esta disposta a axudarnos; e tamén a Isabel, a avoa de Hugo, que nos ensinou un montón sobre a montaxe dos maios. 
Grazas ao traballo en equipo entre alumnado, familias e profesorado, quedaron uns maios chulísimos e así desfrutamos cantando as coplas coas familias.

 

Botamos de menos aos veciños da galiña Azul, que non puideron acompañarnos, pero si que nos mandaron o seu maio que se uniu aos nosos nesta festa da primavera.

sábado, 4 de novembro de 2023

SAMAÍN 2023

A semana do Samaín foi moooi completa e estivo moi ben ambientada gracias ás mamás da ANPA que estiveron moitas horas decorando e dándolle un toque especial ao cole.
Grazas tamén a todas as familias polas cabazas tan chulísimas que fixestes, todas eran impresionantes e fixeron que o cole estivese chulísimo!

Durante un par de semanas os obradoiros voluntarios do recreo estiveron dedicados a facer maquillaxes e tatuaxes que os nenos e nenas fixeron entre eles, mirade que chulada de maquillaxes fixeron!


O día 31 tivemos unha xornada especial na que o alumnado de infantil desfrutou, na aula de luz, duns xogos chulísimos e moi ambientados.


Mentres, o alumnado de primaria tivo que superar unha serie de probas para resolver un misterio. Tiveron que espremer moito os cerebros para resolver este scape room!


A lectura as escuras sempre é un éxito, porque e moi divertido e misterioso ler coas lanternas.


E por suposto non podía faltar unha boa papatoria, que, grazas á colaboración das familias, tiña unha presentación e un sabor para chupar os dedos. A merenda foi conxunta, porque sempre que podemos gústanos estar xuntos nas actividades, así cada día coñecémonos mais.
 

Despedimos a xornada cun baile todos xuntos.

luns, 27 de marzo de 2023

CELEBRAMOS O DÍA DA AUGA COÑECENDO ANIMAIS MARIÑOS

Para celebrar o día da auga, non podíamos facer nada mellor que aprender máis sobre os habitantes do mar, porque si coñecemos e respectamos máis aos animais mariños, tamén os coidaremos máis e por tanto coidaremos os nosos mares, ríos...
David, pai de Olivia de 1º, e Susi, viñeron dende o Instituto de investigacións mariñas do CSIC, que é un dos principais centros de investigación mariña da Península Ibérica.
De forma moi amena e cercana, ensináronnos un monton de cousas sobre os animais mariños, pasámolo fenomenal!

Ademais adaptaron as súas explicacións aos máis peques que tamén desfrutaron e aprenderon un montón sobre os animais que viven no mar.

Graciñas a David pola súa implicación e por facilitarnos tanto todo, que marabilla ter familias tan dispostas! e grazas tamén a Susi: pasámolo xenial e aprendemos un montón!!!

domingo, 13 de novembro de 2022

MAGOSTO 2022

O venres desfrutamos do magosto ao 100%, e volvemos a compartir castañas e xogos, os maiores cos pequenos, como tanto nos gusta, pasámolo pipa!
E como seguimos RqueR, cada un fixo o seu cesto das castañas reciclando cartóns de leite, de zume... e quedaron fantásticos!
Por suposto comezamos o magosto enchendo ben o peteiro de castañas asadas: deliciosas!!


E se as castañas estaban tan boas foi grazas ás castañeiras da ANPA Abelendos que as fixeron e serviron con moito cariño... e tamén fixeron de maquilladoras!!! Grazas sempre pola vosa axuda e disposición, sen vós non sería posible.
 

E por suposto, co bandullo ben cheo, xogamos e xogamos, nun día de San Martiño soleado e caloroso. E nun día tan fermoso coma este só podemos estar agradecidos polo incrible patio que temos: é un tesouro!



martes, 8 de novembro de 2022

POLO SAMAÍN CÓNTAME A MÍN

Que afortunados somos por ter as familias máis molonas do mundo mundial! Graciñas a todas as mamás que viñeron ao cole a contar contos. Graciñas pola súa valentía e por sen tan enrolladas: pasámolo pipa! Estamos felices recuperando a normalidade que nos permite compartir momentos coas familias. Graciñas tamén ao alumnado de 4º que preparou contos para os compis máis pequenos. Que vivan os contos!!

xoves, 27 de outubro de 2022

RECÓRDAME

Un dos recunchos que decorou a ANPA está inspirado na película de COCO e quedou así de bonito.


Centrados nese recuncho a ANPA propón ao alumnado unha actividade moi fermosa para que fagades, voluntariamente, na casa. Estaremos encantados de recibir as vosas achegas.


luns, 18 de xullo de 2022

UNHA DESPEDIDA ESPECIAL

Fin de curso sempre está cheo de despedidas e de moitas emocións, e este ano, ademais de despedir ao alumnado de 6º, despedimos a 2 persoas moi especiais que levan mooooitos anos traballando duro na ANPA: Elena e Pili.

Elena leva máis dunha década como presidenta da ANPA Abelendos facendo un traballo fantástico sempre cerca do centro e do profesorado. E ao seu lado un equipo fantástico de familias entre as que Pili estivo 9 anos colaborando con todo. Graciñas infinitas ás dúas, sen a colaboración das familias non sería posible!

domingo, 8 de maio de 2022

MAIOS 2022

Os maios son unha das tradicións máis arraigadas no cole e que se fixeron moitas veces durante estes 50 anos, por iso este ano non podían faltar. Seguro que quedades sen palabras vendo esta familia de maios... emocionámonos e non nos chegaba un!!
 

Iso si, non se fixeron sós, son o resultado de dous días de duro traballo. Grazas a todas as familias que trouxeron fiúncho, espadaina, xestas, flores, ovos, laranxas... e tamén ao alumnado e as familias que estiveron cosendo, montando... non hai nada como o traballo en equipo!!


Neste vídeo resumimos dous días de traballo no que participaron dende os máis peques ata os máis maiores.


E por fin chegou o día de cantar as coplas que tanto ensaiamos co profe Tano en clase de música. E foi un día moi especial porque, despois de dous anos, por fin puidemos abrir as portas ás familias para compartir este día tan especial con todos... estábamos moi nerviosos!!!


Así de ben soaron as coplas... de verdade que foi emocionante ver a todo o alumnado xunto rodeado das familias: tiñámos moitas ganas!! Tamén nos acompañou Lois, do Ateneo Santa Cecilia, un gran defensor e propulsor desta festa en Marín.


Estas son as coplas que cantamos:


Un recordo de todos os artistas coas obras de arte!

Nenos e nenas de 3 anos

Nenos e nenas de 4 anos

Nenos e nenas de 5 anos

Nenos e nenas de 1º de primaria

Nenos e nenas de 2º de primaria

Nenos e nenas de 3º de primaria

Nenos e nenas de 4º de primaria

Nenos e nenas de 5º de primaria
3
Nenos e nenas de 6º de primaria

venres, 29 de abril de 2022

COLABORACIÓN DAS FAMILIAS PARA A FESTA DOS MAIOS

Unha das celebracións que se fai no cole dende os seus inicios son OS MAIOS. Nas fotos antigas que hai no cole atopamos moitas desta festividade.


A festividade dos maios naceu na prehistoria, cando os primeiros poboadores se preguntaban como mudaba a natureza, brotaban as sementes e se vestían os campos de alegres cores, despois dunha longa época de choiva e frío.
  

En Galicia, entre as manifestacións lúdicas, están os maios figurativos: son figuras cónicas ou piramidais con estructura de paus recuberta de follas, flores e outros adornos.

Maio realizado polo alumnado en 2016

Este curso non podía ser menos, e neste ano especial, no que recordamos tantas cousas feitas durantes estes 50 anos, están os maios, para os que precisamos a vosa axuda.