Amosando publicacións coa etiqueta coeducación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta coeducación. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de outubro de 2021

DÍA DAS ESCRITORAS

Hoxe celebramos o Día das Escritoras, a data elixida é o luns máis cércano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. É unha iniciativa promovida, desde 2016, pola Biblioteca Nacional de España buscando reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.


Nós quixemos homenaxear e dar visibilidade ás escritoras que enchen os andeis da nosa biblioteca, en especial as galegas, a través dunha pequena investigación feita para montar esta exposición. 

Tamén recordamos as escritoras que nos visitaron e que deixaron a súa pegada no noso libro de visitas como Ledicia CostasMaría CanosaRosa Aneiros...

Ademais este ano temos en marcha a actividade: "Coeducando a través das artes" proposta pola ANPA, dirixida ao fomento da coeducación e igualdade de oportunidades entre ambos sexos, e non podía faltar a arte da escritura!

xoves, 11 de febreiro de 2021

DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

Dende o ano 2015, o 11 de febreiro, celebrase internacionalmente o “Día da muller e a nena na ciencia”. Este día instaurouse para rematar coa desigualdade de xénero que se pode ver neste ambito.

Imaxe de Pakolas (premendo nela iredes directos ao seu último traballo)

Esta conmemoración serve para lembrar o papel fundamental que as mulleres e as nenas xogan na ciencia, co obxectivo de promover a súa participación plena e equitativa. A desigualdade non está nas nenas: a elas encántalles a ciencia e moitas teñen vocacións científicas, máis que os nenos segundo din as estadísticas, pero a medida que se incorporan ao mundo laboral, van aparecendo as desigualdades... como noutros ámbitos. 


Onte mesmo, a Real Academia Galega de Ciencias anunciou o recoñecemento de Jimena Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895-Santiago de Compostela, 1984) como Científica do ano 2021. Desde o ano 2008 que se outorga este recoñecemento, de la Vega é a segunda muller homenaxeada, despois da oceanógrafa Ángeles Alvariño (no 2015).


Compartimos este vídeo da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da universidade da Coruña, para celebrar este día co alumnado de primaria. Nel participaron investigadoras da universidade para dar a coñecer, dun xeito sinxelo e próximo, a súa traxectoria científica e vital e, ademais dos seus logros profesionais, relatan anécdotas moi interesantes.
Algúns xa o viron en clase... podedes velo en familia, proximamente seguiremos traballando con el.

 

Para as familias deixámosvos un artigo moi interesante sobre este tema, da divulgadora galega Deborah García. Podedes acceder a el premendo AQUÍ

sábado, 30 de xaneiro de 2021

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ

Bo día!
Hoxe queremos compartir con vós un traballo enorme que estiveron facendo as nosas nenas e nenos ao longo desta semana!
Moito traballaron!
Este ano non se puideron facer actividades como noutras ocasións pero cada un dende a súa clase puido desfrutar e celebrar a Semana Pola Paz...
Unha semana de curtas, de conversas moi interesantes, de actividades plásticas, búsqueda de información sobre mulleres que traballaron ao longo da súa vida pola paz...
En fin... de pequenos proxectos que se xuntaron porque xuntos podemos construír a paz!
Por aquí vos deixamos un par de vídeos para que poidades ver vós mesmos os resultados!

domingo, 24 de xaneiro de 2021

FELIZ DÍA DA EDUCACIÓN!

Moi bos días a todas e todos!
Hoxe queremos celebrar con vós un día moi especial e por iso vos dicimos...
FELIZ DÍA DA EDUCACIÓN!
Unha festividade na que queremos compartir unha chulada de traballo que levaron a cabo as nenas e nenos de 2º de primaria coa axuda da súa titora Yaiza e da teacher Fátima.
Coa axuda de Arnaldo buscaron libros na biblio para ter a información necesaria coa que elaborar o traballo que vos imos presentar...
Fixeron un cartel e un puzzle no que lle deron cor á nosa protagonista: MALALA e cubriron unha ficha moi interesante de investigación.
Entre as súas mensaxes elixiron as que estaban máis relacionadas coa educación...

E como resultado final do seu traballo grabaron este vídeo... Mirade que bonito!!!
Noraboa rapaces!!!
Comezamos así a Semana Pola Paz no Cole de Seixo!

martes, 10 de novembro de 2020

ENQUISA: SEIXO COEDUCA

Dende a ANPA fannos chegar unha enquisa de satisfacción sobre o proxecto: "Seixo Coeduca: desmentindo estereotipos e roles de xénero".
É para cubrir as familias da comunidade educativa do C.E.I.P Seixo, agradecemos a vosa colaboración!
Levará so uns minutiños respondela, e é totalmente anónima, moitas grazas!
Podedes acceder a ela premendo na imaxe




luns, 9 de novembro de 2020

DE NENO OU DE NENA?

Atopácheste algunha vez nunha situación de escoitar, decir ou pensar “Isto non é de nenos” ou “Isto non é de nenas”?
Neste obradoiro compartiremos dúvidas e inquidanzas sobre o xénero e o desexo na crianza e educación, e cómo coidar o espazo para que sexa diverso, na casa e na escola. Falaremos de medos, expectativas, experiencias…

Obradoiro ONLINE (Zoom) sobre xénero, desexo e diversidade para familias 
Data: 14 novembro de 11h a 13h
Imparte: Andrea Calsamiglia (Dra. en Psicoloxía Social, especializada en xénero)
Dirixido a: familias 
Organiza: ANPA Abelendos
Colabora: CEIP Seixo
Co apoio de: Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e Ministerio de la presidencia, relaciones con las cortes e Igualdade

martes, 3 de novembro de 2020

XÉNERO, EMOCIÓNS E PODER

Mañá, o alumnado de 5º e 6º desfrutará dun obradoiro impartido por Andrea Calsamiglia (Dra. en Psicoloxía Social, especializada en xénero).
O xénero, a presión de grupo e as relacións de poder gardan unha estreita relación. ¿Como xerar espazos seguros para persoas diversas? ¿Que papel xogan as emocións? ¿Como crear grupos resilientes? Neste obradoiro compartiremos dúbidas e inquedanzas sobre o xénero e as dinámicas de poder, e como coidar o espazo para que sexa diverso entre iguais.


Obxectivos do obradoiro:
- Compartir un espazo aberto de dúbidas, experiencias e inquedanzas en relación ao xénero e o bullying
- Coñecer, identificar e previr a discriminación, o machismo e a LGTBIfobia
- Promover a empatía e a cohesión de grupo

Este obradoiro esta organizado pola ANPA Abelendos dentro do programa "Seixo coeduca" co apoio de: Secretaría Xeral de Igualdadee da Xunta de Galicia e Ministerio de la presidencia, relaciones con las cortes e Igualdad.

venres, 23 de outubro de 2020

CONTANDO E CANTANDO CARA A IGUALDADE

Dentro do programa “Seixo coeduca” desfrutamos dunha contada de Migallas na que, ademais, puidemos reflexionar sobre algunhas cousas do día a día. 


Tamara contounos 3 contos: O libro dos porcos, Daniela Pirata e e Rosa Caramelo. Despois preguntounos quen fai certas cousas en casa… e as nais e as avoas saíron gañando. Despois fixemos unhas pequenas dramatizacións sobre o tema. 
Grazas á ANPA por darnos esta oportunidade de reflexionar sobre este tema e, ademais, de xeito tan divertido. Aquí deixámosvos algunhas fotos. 

xoves, 22 de outubro de 2020

AS FAMILIAS TAMÉN SUMAN

O vindeiro sábado 31 Igualadas estarán no Real Club de Mar de Aguete compartindo coas familias do cole un pequeno obradoiro do programa "A suma de todas e todos" enmarcado no proxecto "Seixo coeduca" organizado pola A.N.P.A. Abelendos.

No obradoiro trataranse os contidos do programa "A suma de todas e todos" que remata esta semana no cole: igualdade e rexeitamento da violencia de xénero, o valor das diversidades e a xestión das emocións. Traballarase de qué forma podemos, as familias, colaborar e contribuir á transformación social, mediante a coeducación das nosas nenas e nenos na casa. 

Por favor, reservade a vosa praza canto antes, porque hai límite de aforo. Podedes facelo no correo: hola@igualadas.es poñendo no asunto "Reserva Seixo".

venres, 2 de outubro de 2020

DESMENTINDO ESTEREOTIPOS E ROLES DE XÉNERO

Esta semana comezamos o programa "A suma de todas e todos" enmarcado dentro do proxecto "Seixo coeduca, desmentindo estereotipos e roles de xénero".
Durante este mes traballaremos o valor da Igualdade, o rexeitamento das conductas violentas e da violencia de xénero dende o valor á diversidade, o respecto a todas as persoas, as habilidades sociais e a xestión das emocións. 





martes, 29 de setembro de 2020

A SUMA DE TODAS E TODOS

Este xoves poremos en marcha Seixo Coeduca, para o alumnado de primaria, co programa: "A suma de todos e todas" a cargo de Igualadas.

Este programa, de 5 sesións por grupo, consta de actividades, xogos e dinámicas, que teñen como obxectivo espertar o pensamento crítico nas nenas e nenos en todo o referente a igualdade, os roles e estereotipos de xénero, así como todo o relacionado coa resolución de conflitos e a aceptación da diferenza.

O xoves terán a primeira sesión 1º, 2º e 3º e o venres irán 4º, 5º e 6º. Preguntádelles cando cheguen a casa... desexamos que deixe algunha pegada en todo o alumnado.

luns, 28 de setembro de 2020

SEIXO COEDUCA

“Seixo Coeduca, desmentindo estereotipos e roles de xénero” xurde a raíz das necesidades que nais e pais observaban, non so na nosa comunidade educativa, senón tamén no día a día do noso contexto sociocultural. As familias sentían a necesidade de colaborar na comunidade educativa con accións que contribúan a educar en igualdade. 

A partir de aí a ANPA solicitou unhas axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, (financiada en desenvolvemento do pacto de estado contra a violencia de xénero).


A ANPA cita no proxecto: “Creemos na coeducación porque consideramos que a prevención e o rexeitamento da violencia de xénero é fundamental para unha sociedade xusta, porque non deixará de haber violencia se non hai coeducación, porque se educamos en igualdade e en respecto á diversidade, se educamos para entender que as diferenzas non significan desigualdade, crearemos unha sociedade más libre, xusta, respectuosa e non violenta”. 

E así nace este programa no que o alumnado desfrutará de teatro, cine, obradoiros… co obxectivo principal de: “comprender que as diferenzas non significan desigualdade e rexeitar calquera forma de trato non respectuoso cara outra persoa a través da coeducación”. 

As actividades realizaranse durante o mes de outubro e principios de novembro, respectando todas as medidas de hixiene e seguridade que marca o protocolo, respectando os diferentes grupos de convivencia. 

Grazas a ANPA pola súa implicación, esforzo e colaboración.