venres, 25 de outubro de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2024

O día das bibliotecas sempre é un día moi especial no cole, porque o equipo de voluntariado da biblioteca sempre nos ten preparado algo especial, e este ano deixáronnos coa boca aberta. Representaron unha obra que prepararon dende 0: guión, vestiarios, escenario, aterezo... Ensaiaron moito e traballaron un montón, o cal se notou porque o resultado foi fantástico. Conseguiron ternos a todo o alumnado e o profesorado pasmados e alucinando. Parabéns por un traballo fantástico!


Tamén é un día especial porque poñemos en marcha as mochilas viaxeiras, que vas para as casas cargadiñas de lecturas, xogos... desfrutádeas!!!




martes, 22 de outubro de 2024

ARRANCAMOS CO PDI DESTE CURSO: ARGALLANDO ANDO!

Este curso a ciencia será o proxecto de centro, estaremos todo o curso Argallando, investigando, creando... e non podíamos imaxinar mellor forma de comezar que cun obradoiro creativo, relacionado coa ciencia, e feito por profesionais. David e Yolanda, de Arenaria, fixeron un obradoiro con cada clase, adaptado ás diferentes idades, nos que puidemos observar, experimentar... desfrutar da ciencia e coa ciencia!


Isto xa non hai quen o pare: 
ARGALLANDO ANDO está en marcha!

luns, 21 de outubro de 2024

ÉXITO DA X FEIRA DO LIBRO USADO 2024

Onte, todos os centros educativos de Marín, en colaboración coas ANPAs, puxeron en marcha a X Feira do libro usado, cun gran éxito de asistencia e co obxectivo cumprido: dar unha nova vida a centos de libros.


Unha delicia xuntarnos todos os centros de Marín, sobre todo facelo ao redor dos libros.

Graciñas ao Concello pola súa colaboración e por traer a Ce orquestra que amenizou a feira e fíxonos cantar e bailar. 



luns, 14 de outubro de 2024

BIOMISIÓN: 5º DE PRIMARIA

Da man da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), un centro de investigación no ámbito das ciencias agrarias, forestais e ambientais radicado en Pontevedra e Santiago, as nenas e nenos de 5º de primaria do noso cole van participar no proxecto...
Ciencia para cultivar o futuro 
BIOMISÓN é unha iniciativa de divulgación científica para aprender sobre as sementes, sobre o seu cultivo e sobre o seu uso na cociña.
O proxecto contará con tres fases: investigación, transferencia e congreso.
Agora mesmo as nenas e nenos de 5º de primaria estivemos preparando as hortas para poder comezar co proxecto.
Retirada de malas herbas e prantas que quedaron dos cultivos do curso pasado e recheado dos bancais con terra e abono para comezar a nosa BIOMISIÓN.
Argallando andamos! 
Continuaremos informándovos!

venres, 4 de outubro de 2024

MAXIA NO COLE

Esta fin de semana celébrase o VII Festival Internacional de Maxia en Marín, e para quentar motores, recibimos no cole a visita de Francis Zafrilla, un dos magos que poderemos ver no festival. Desfrutamos un montón co seu espectáculo!
  

Premendo no cartel (feito por Esteban de Tarabelos, bo amigo do cole de Seixo) poderedes acceder ao facebook do festival e consultar o programa. Haberá maxia na rúa, nos escaparates, no multiusos... incluso na alameda de Seixo! Abride a axenda e apuntade todo!!