venres, 15 de maio de 2020

FELIZ DÍA DA FAMILIA

Queridas familias:

Hoxe é o día internacional da familia e, nun momento coma o que estamos vivindo, non podemos deixar de pensar no afortunados que somos por formar parte do mesmo equipo que vós. Máis que nunca o traballo conxunto da familia e o profesorado é imprescindible.



Sabemos que non está sendo fácil e que as circunstancias de cada familia son diferentes e todas especiais, por iso non podemos máis que dicirvos: GRAZAS.


Grazas aos que traballades fora da casa, aos que estades sós, aos que tendes moitos peques na casa, aos que vivides nun piso pequeno, aos que tendes mala conexión, aos que non vos entendedes coa informática, aos que tendes poucos recursos, aos que tendes algún familiar mal, aos que vivides con medo, aos que estades dedicando moito tempo e esforzo intentando facer as tarefas pero non vedes resultados porque con algúns peques é especialmente complicado... en resumen: grazas a todas as familias.... grazas por salvar tantas dificultades neste momento tan complicado. 


Todo o noso esforzo e traballo non tería os mesmos resultados sen vós ao outro lado animando, insistindo, axudando... somos conscientes de que o noso alumnado non podería ter autonomía total coas propostas e tarefas, e por iso, nun día coma hoxe queremos recoñecer e agradecer de forma especial a vosa axuda e colaboración. 

Esperamos seguir remando sempre xuntos na mesma dirección. Oxalá as cousas non sexan igual despois de todo isto... temos a oportunidade de mellorar como persoas, como familias, como sociedade... e tamén como escola. Estade atentos mañá ao blog, compartiremos un conto que nos fai pensar moito nisto. 

Unha aperta grande de todo o profesorado do cole.

1 comentario:

  1. un bicazo enorme de parte da familia Bernàrdez Garcès!!!
    forsa!! ❤

    ResponderEliminar