O día 25-N, como cada ano, organízanse dende o Concello de Marín actividades para traballar a educación en valores dende a perspectiva igualitaria.
Os contos son valiosos transmisores de cultura e valores, por iso son fantásticos para traballar a creación de modelos que rexeitan os estereotipos que nos inculca a sociedade patriarcal.
Por medio do concello, a compañía de teatro "Teatro piollo", de xira polos coles de Marín, estivo en Seixo para facernos pensar e contarnos unha historia sobre violencia de xénero, coeducación e convivencia.
Unha princesa que non quería ser princesa, un dragón que en realidade non quería ser terrible, un cabaleiro que non quería loitar.... foron algúns dos ingredientes desta historia.
Todo o alumnado do cole, dende os máis peques aos máis maiores, nos reunimos para ver esta representación nesta semana na que reflexionamos especialmente sobre a violencia de xénero.
Por aquí vos deixamos algunhas fotos de recordo deste día.
Oxalá que o aprendido nesta obra, e nas lecturas, reflexións e traballos de aula nas titorías, teña valor e significado para todos os nenos e nenas do cole que son o presente e o futuro dunha sociedade que desexamos viva en paz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario