martes, 29 de setembro de 2020

A SUMA DE TODAS E TODOS

Este xoves poremos en marcha Seixo Coeduca, para o alumnado de primaria, co programa: "A suma de todos e todas" a cargo de Igualadas.

Este programa, de 5 sesións por grupo, consta de actividades, xogos e dinámicas, que teñen como obxectivo espertar o pensamento crítico nas nenas e nenos en todo o referente a igualdade, os roles e estereotipos de xénero, así como todo o relacionado coa resolución de conflitos e a aceptación da diferenza.

O xoves terán a primeira sesión 1º, 2º e 3º e o venres irán 4º, 5º e 6º. Preguntádelles cando cheguen a casa... desexamos que deixe algunha pegada en todo o alumnado.

luns, 28 de setembro de 2020

SEIXO COEDUCA

“Seixo Coeduca, desmentindo estereotipos e roles de xénero” xurde a raíz das necesidades que nais e pais observaban, non so na nosa comunidade educativa, senón tamén no día a día do noso contexto sociocultural. As familias sentían a necesidade de colaborar na comunidade educativa con accións que contribúan a educar en igualdade. 

A partir de aí a ANPA solicitou unhas axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, (financiada en desenvolvemento do pacto de estado contra a violencia de xénero).


A ANPA cita no proxecto: “Creemos na coeducación porque consideramos que a prevención e o rexeitamento da violencia de xénero é fundamental para unha sociedade xusta, porque non deixará de haber violencia se non hai coeducación, porque se educamos en igualdade e en respecto á diversidade, se educamos para entender que as diferenzas non significan desigualdade, crearemos unha sociedade más libre, xusta, respectuosa e non violenta”. 

E así nace este programa no que o alumnado desfrutará de teatro, cine, obradoiros… co obxectivo principal de: “comprender que as diferenzas non significan desigualdade e rexeitar calquera forma de trato non respectuoso cara outra persoa a través da coeducación”. 

As actividades realizaranse durante o mes de outubro e principios de novembro, respectando todas as medidas de hixiene e seguridade que marca o protocolo, respectando os diferentes grupos de convivencia. 

Grazas a ANPA pola súa implicación, esforzo e colaboración. 

venres, 25 de setembro de 2020

TODO A PUNTO!!!

Moi boas amiguiñas e amiguiños!
Xa non queda nada! Comeza a estar todo a punto para que un ano máis abran as portas da nosa biblio!!!
A CASA DE ARNALDO

Estes días as profes andan moi atarefadas preparando todo. Non fan máis que falar de protocolos, corentenas, horarios, distancias, tarefas...

Estou moi nervioso.... agardo pola vosa visita!!!

xoves, 24 de setembro de 2020

FORMACIÓN DE USUARIOS.

Ola a todos e todas,
A biblioteca aínda está pechada, pero xa falta moi pouco para vernos!
Estes días xa anda moita xente por aquí formándose!
Recibín a visita dos colaboradores do ano pasado!
Que recordos!

Leváronse unha chapa miña para que non se esquezan que teñen que axudar!
Este ano paréceme que hai novos colaboradores por culpa da situación que estamos vivindo.
O Equipo da biblioteca e os titores serán os encargados do préstamo persoal e do da biblioteca de aula.
Xa sei que me estades visitando  porque hai moitas indicacións novas: protocolo, seguridade, hixiene de mans, máscaras, corentena... 
Son moitas cousas novas  pero  pouco a pouco xa veredes como nos imos adaptando!


Moito ánimo!!

MATEMÁTICAS AO AIRE LIBRE

Un dos, moitos, papeleos que teñen que facer os profes é un rexistro de ventilación... así que pensamos: que mellor ventilación que traballar ao aire libre?
Somos moi afortunados porque temos un patio fabuloso no que, ademais de recreos moi divertidos, podemos facer moitas cousas máis, por exemplo: clase de matemáticas!
Toda a tropa de 4º estivemos coa profe Graciela traballando medidas, áreas e escalas na horta.












mércores, 9 de setembro de 2020

ARRANCAMOS!!!

Queridas familias... arrancamos!!!
Este é o inicio de curso máis raro que lembramos, todos temos unha mestura de nervios e expectación, pero tamén hai moitas ganas de volver a vernos... que xa fai moitos meses!!!
Será un ano no que máis que nunca temos que ir día a día vendo como evoluciona todo e como nos adaptamos, pero estamos seguros que xuntos sacaremos isto adiante do mellor xeito para todos.


O esforzo conxunto de familias e profesorado será por e para o alumnado, eles son o centro dos nosos pensamentos e do noso esforzo, e seguiremos traballando, para que este curso sexa un ano no que non perdan o protagonismo que merecen.

Pensando neles programamos os dous primeiros días de xeito flexible para facilitar a súa volta despois de tantos meses.

Pensamos que entrar gradualmente será moi beneficioso para eles porque poderemos recibilos de forma máis persoal, e tamén nos permitirá explicarvos, ás familias, cales son as portas de entrada e saída de cada curso.

Fixemos o horario en base ao calendario marcado pola consellería que dividiu o inicio do curso en dous días, estas son as horas:


Estes dous días todo o alumnado entrará pola porta principal. So podemos permitir a entrada no centro a un membro de cada familia.
Por suposto recibiriamos ás 9:30 a todo o alumnado que veña no transporte e aos que, por motivos persoais, non podan flexibilizar ese día.