venres, 28 de outubro de 2022

VISITA DO MARIN FUTSAL

O mércores 26 de outubro recibimos a visita do Clube Marín Futsal. O alumnado de 3º e 5º de Educación Primaria desfrutaron dunha sesión co coordinador da base, Jabugo, o adestrador do equipo da 1ª División Feminina, Ramiro López e dúas das xogadoras, Bea Mateos, natural de Salamanca ,e Ale de Paz, natural de Neda (A Coruña) e que acaba de participar no Preeuropeo feminino de Finlandia onde España conseguiu o billete para a fase Final6 de marzo.


O obxectivo desta visita é promocionar o fútbol sala femenino, o clube e compartir co alumnado experiencias vividas coa práctica do deporte.
 
A sesión tivo dúas partes: a primeira de charla, onde se falou das características deste deporte, nº de xogadores/as, terreo de xogo, posicións,... e a segunda de práctica, onde o alumnado desfrutou de pequenos partidillos xunto coas xogadoras no ximnasio do centro.


Para finalizar, as xogadoras repartiron entradas para o partido deste sábado 29 de outubro entre o Marin Futsal e a AD Alcorcón no pavillón da Raña ás 17 horas.


Dende o CEIP de Seixo, agradecemos a visita ao clube Marín Futsal e desexámoslle moita  sorte para este partido e o que resta de liga.

xoves, 27 de outubro de 2022

RECÓRDAME

Un dos recunchos que decorou a ANPA está inspirado na película de COCO e quedou así de bonito.


Centrados nese recuncho a ANPA propón ao alumnado unha actividade moi fermosa para que fagades, voluntariamente, na casa. Estaremos encantados de recibir as vosas achegas.


luns, 24 de outubro de 2022

ANXO MOURE CELEBRA CON NÓS O DÍA DAS BIBLIOS

Este ano celebramos o día das bibliotecas con Anxo Moure. Este é un día moi especial no cole porque é o día que inauguramos de forma oficial a biblioteca para este curso (aínda que funcionaba a tope dende setembro). E pensando no tema do proxecto deste curso ERRE QUE ERRE, non podíamos ter outro invitado que Anxo, que antes de contador foi ecoloxista.  


Fixo 4 sesións para todo o cole nas que atrapamos contos e comémolos xuntos. Nas 4 sesións rimos moito, bailamos, aprendemos nomes de árbores, reflexionamos sobre o importante que é poñer en práctica todas as erres... e sobre todo aprendemos que todos somos marabillosamente imperfectos!


Despois xuntámonos todo o cole na biblo, que tiñamos moitas ganas de facelo, e fixemos cousas moi especiais. A primeira foi cantarlle parabéns a Arnaldo que non podía estar máis contento véndonos a todos xuntos na súa casa. 


Despois entregamos o premio do logo do cole, elixido entre todos os debuxos que se fixeron, voluntariamente, o curso pasado, entre as actividades do 50 aniversario. Os gañadores foron Olivia e Mario, e unha fusión dos seus debuxos será o logo do cole: que emoción!!! 


E despedimos este día repartindo as mochilas viaxeiras que comezan a súa andaina polas casas do alumnado. Esperamos que maiores e pequenos as desfrutedes moito e que nolo contedes nos cadernos.


Por suposto non podíamos perder a oportunidade de entrevistar a Anxo, na nosa radio, e falar de ecoloxía e natureza, que son o motor da súa vida e dos seus contos.


O alumnado de 4º e 6º investigaron moito sobre el e prepararon unha gran entrevista.


Aínda que Adrián, Naroa, Eva, Noa e Vera foron os que fixeron a entrevista, o traballo foi das dúas clases.

Desfrutade desta marabillosa entrevista que nos deixa tantas aprendizaxes para o día a día. 

Graciñas Anxo por ser tan auténtico e polo teu cariño. Que pracer compartir este día contigo!!

sábado, 22 de outubro de 2022

AGRADECIDOS POLO NOSO PATIO

Calquera día é bo para recordar que temos un tesouro no cole: o noso patio. Nel podemos dar clase, traballar, xogar, facer asembleas, subir ás árbores, coller froita, regar as flores, limpar, plantar, facer pícnic, ler contos, construír, escavar, e un longo etc.... que afortunados somos!!!

 

venres, 21 de outubro de 2022

SAMAÍN 2022

 


Xa está ahí o Samaín cargadiño de actividades terroríficamente divertidas nas que vos a animamos a participar en familia: decorar cabazas, vir a contar contos ao cole, disfraces.... vai ser unha semana diferente e seguro que moi divertida!!

venres, 14 de outubro de 2022

XOGOS NA BIBLIOTECA!!

 Ola a todos e a todas,

Esta semana visitou a nosa biblio Brazolinda que é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego.





Os nenos e nenas de primeiro de primaria fomos os elixidos para desfrutar desta xornada de xogos. Era a nosa primeira actividade na biblioteca desde que empezamos primaria!!




Xogamos a "Peixes e pares" para atopar a súa parella. 


Xogar ó "Agasallo" para atopar as cores dos dados foi moi divertido!!
Compre ser moi rápido para atopar os cinco agasallos!!


Desfrutamos co "barco equilibrista"  e co xogo "Arrecife"


Xogamos a "Veiga" para mellorar a psicomotricidad fina. 
É un xogo colectivo no que todos xogan no mesmo equipo.

 
 Tamén  practicamos as regras dos xogos de mesa:
 regras comúns, respecto das quendas, asociación dado-acción.



mércores, 12 de outubro de 2022

FELIZ DÍA DOS HORTOS ESCOLARES

O día 11 de outubro é o día dos hortos escolares, e non podíamos deixar pasar esta conmemoración sen presumir de horto, porque estamos moi orgullosos do noso e seguiremos R QUE R coidándoo e traballando nel.
Agora estamos recollendo a colleita do curso pasado e non podemos estar máis ilusionados: cenorias, tomates, pementos, fresas... e comezamos a preparar todo para seguir aproveitando ao máximo todos os bancais.
Feliz día dos hortos escolares! Pasade a coñecer o noso porque é unha marabilla!

luns, 10 de outubro de 2022

ARGALLANDO NO RECREO!

Arnaldo non deixa de propoñernos cousas novas, e este ano sorprendeunos cuns recreos do máis creativo!
Os profes fixéronnos varias propostas de obradoiros ás que engadimos outras do alumnado. E así, de forma voluntaria, temos a opción de apuntanos ao que máis nos guste: ganchillo, robótica, deportes, globoflexia, papiroflexia, natureza, horta, radio, xogos de mesa, impresión 3D, horta, etc...
Así de divertida foi a primeira semana na que houbo obradoiros de ganchillo (o máis solicitado!), papiroflexia, deportes, robótica, natureza, xogos de mesa e globoflexia.
  
 

Segundo os intereses do alumnado, cada semana, ou cada dúas, imos variando a oferta, que é diferente cada día. Estamos moi ilusionados e emocionados, tanto o alumnado coma o profesorado... isto está sendo moi divertido!!

xoves, 6 de outubro de 2022

EN BICI AO COLE!!!

Imaxes como esta nos enchen de emoción e de alegría, pero o noso desexo é ter o aparcadoiro cheiño de bicis e ter que solicitar outro!!


Este ano, o proxecto de centro, "R que R", quere facer clic en todas as cabezas: do alumnado, do profesorado, das familias... de todo Seixo! Intentaremos facelo de xeito sinxelo e práctico. Comezamos pola contraportada da axenda, na que contamos que este curso estreamos aparcadoiro de bicis no cole e os moitos beneficios que ten usar a bici.

 

sábado, 1 de outubro de 2022

DESPEDIDAS QUE DEIXAN PEGADA!

No cole de Seixo non so Arnaldo deixa pegada, a realidade é que as pegadas máis profundas son as que deixa o alumnado e o profesorado.
Onte foi un día moi emotivo e especial, cunha mestura grande de sentimentos. Onte despedimos a Lourdes, a mellor orientadora do mundo mundial, que se xubila despois de 23 anos en Seixo. Estamos felices por ela, porque se xubila chea de vitalidade e saúde despois de toda unha vida facendo un traballo impecable a nivel profesional e persoal. Pero, ao mesmo, tempo estamos tristes, porque perdemos unha gran profesional e unha compañeira de 10.


Estes somos os compis que tivemos a sorte de compartir con ela o seu último mes, pero todos os que traballaron ao seu lado están de acordo con nós en que a súa pegada estará sempre no cole e en cada un de nós. Con ela aprendimos moito e enriquecemos o noso traballo co alumnado, que sempre foi a súa prioridade.
Graciñas Lourdes pola túa paciencia, polo teu cariño e pola túa cercanía coas familias, co profesorado e co alumnado. Graciñas por ter sempre aberta a porta do despacho, para escoitarnos, animarnos, aconsellarnos... graciñas por ser compañeira e amiga. 
  

Poderiamos seguir falando do marabillosa que é a nosa orientadora, pero non acabaríamos nunca. Moitas veces as imaxes falan con máis forza, e ver a emoción de onte, en grandes e pequenos, resume todo.
Quixemos despedila como se merece: profesorado e alumnado unidos nun pasillo cheo de cariño e agradecemento.