venres, 18 de febreiro de 2022

DESCUBRINDO O ENTROIDO VASCALLEIRO

Este ano estamos lembrando moitas cousas que pasaron nestes 50 anos do cole e como eran as celebracións cando os nosos avós e pais viñan ao cole. Tamén quixemos investigar como era o entroido cando non se podían mercar disfraces e caretas nas tendas.


Invitamos de novo a Vilas, que sempre está disposto a axudarnos, a pasar unha mañá connosco, para falarnos do Entroido Vascalleiro de Seixo.


Falounos de como era o entroido cando era pequeno, do entroido vascalleiro tradicional, da homenaxe que lle quixeron facer no pobo a burra (xa que este animal axudaba moito nas tarefas do campo) e da labor do grupo Ronsel na recuperación do entroido tradicional.

Para que o entendésemos mellor proxectounos un vídeo do concello de Marín, do ano pasado, que explica o entroido vascalleiro e prometeunos que, se nos disfrazabamos de vascalleiros, el e mais o seu amigo Antón ían traer a burra Marisa para desfilar con nós o vindeiro venres.


Así que ese é o reto que temos para o venres: disfrazarnos de vascalleiros (que noutros sitios tamén se coñecen como farrapalleiros), con cousas que teñamos pola casa, con caretas feitas a man... se deixamos voar a imaxinación seguro que saen cousas moi divertidas!!!
Aquí tendes o vídeo que nos proxectou Vilas, para que vos inspiredes e busquedes nos armarios de casa, na casa dos avós... a ver con que nos sorprendedes!

Ningún comentario:

Publicar un comentario