luns, 28 de febreiro de 2022

1º CONSELLO DE NENAS E NENOS

Hoxe queremos compartir con todos vós un dos días que seguro recordarán no 100 aniversario do cole: a celebración do 1º consello de nenas e nenos do CEIP de Seixo!!

Este ano están funcionando as asembleas en todo o cole, tanto en infantil como en primaria. Sen dúbida son unha ferramenta eficaz que mellora a convivencia diaria, capacitando ao alumnado de estratexias que lles axudan a avanzar nas súas competencias en comunicación oral e que melloran a convivencia e as relacións no centro.

Nelas se expoñen e discuten problemas, conflitos ou outras cousas que nos preocupan ou interesan. O profesorado exerce a tarefa de moderar, animar e controlar, pero as intervencións son fundamentalmente do alumnado, aos que se lles garante a quenda de palabra e a posibilidade de ser escoitados/as.

As asembleas axúdannos a mellorar as capacidades de escoita, de concentración e auto control. Tamén son un espazo onde aprender a expresarse correctamente, a ordenar os pensamentos e ser máis eficaces ao comunicarse. Un lugar para resolver conflitos, crear bo ambiente de grupo e compartir ou discutir os nosos valores.

Por mor da COVID, que se puxo un pouco brava en decembro, retrasamos o 1º Consello de nenas e nenos ata febreiro, pero alí nos xuntamos representantes de todas as asembleas co equipo directivo: que emocionados e nerviosos estábamos todos!


Os participantes do consello son os encargados de informar ó equipo directivo das posibles incidencias de convivencia, propostas, queixas, etc. e despois informar aos seus compis do que se falou alí. Todos levamos moitas propostas, suxestións, compartimos preocupacións...
 

Sentímonos especiais e escoitados, sentímos que se valoraba a nosa opinión e iso foi moi especial. Comezamos un pouco tímidos pero pouco a pouco soltámonos e pasou o tempo volando. Un dos membros do consello de nenos, comentou na súa clase: "Sentinme como se estivese reunido co presidente!!"
 

O consello de nenas e nenos é un recurso para a aprendizaxe e a práctica da democracia no cole. Un espazo onde, de forma especial, todos temos voz. Convértese nun espazo onde a palabra dá sentido á convivencia.


Vivimos nunha sociedade da comunicación na que o noso alumnado recibe e accede a información por todas as canles, por iso somos conscientes que a comunicación próxima entre iguais e co profesorado non se pode limitar a unha transmisión de contidos senón, a contribuír á finalidade última da educación: 
«Ser cidadáns honestos/as, 
profesionais responsables e boas persoas»

Ningún comentario:

Publicar un comentario