Amosando publicacións coa etiqueta día da paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta día da paz. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de marzo de 2026

VII CARREIRA SOLIDARIA CORRE CON ARNALDO

E por fin (coa chegada do bo tempo) puidemos facer, con motivo da celebración do Día da Paz en Seixo, a...
VII CARREIRA SOLIDARIA
CORRE CON ARNALDO

Unha carreira que naceu cun claro fin benéfico: colaborar con Cáritas Santomé e Amenac Marín para aportar o noso granciño de area na labor tan importante que fan estas asociacións na nosa parroquia e noso Concello.
Todas as nenas e nenos do cole foron participando no percorrido establecido...

Dende os máis pequenos...

 

contando tamén coa participación dos nosos veciños da Galiña Azul de Seixo...
ata chegar aos máis maiores do cole...




 
 

Antes de rematar houbo unha carreira conxunta na que puideron participar todas as nenas e nenos que aínda tiñan ganas de máis...

Tivemos a ocasión de poder recuperar enerxías e de compartir unha merenda todas e todos xuntos.
Os de 6º de primaria foron os encargados de facer entrega dos productos ás presidentas das Asociacións...

martes, 13 de maio de 2025

A AXUDA PARA O CEIP CARME MIQUEL POR FIN ESTÁ EN VALENCIA

Como xa sabedes, a Carreira do Día da Paz que se celebra no cole de Seixo, este ano estaba destinada a colaborar con xogos didácticos e material escolar para o CEIP CARME MIQUEL de Algemesí (Valencia), un colexio afectado pola DANA. Podedes lembrar a carreira premendo AQUÍ.
E, por fin, despois de xuntar todo o material e de facer unha morea de xestións... podemos dicir que a nosa colaboración xa está no seu destino!!
Ademais dos materiais e os xogos, cada clase preparou mensaxes para as clases do cole de Valencia, para mandar mensaxes persoais e especiais de ánimo. Dende o CEIP Carme Miquel mandaron de volta mil agradecementos, quedaron sen palabras vendo a xenerosidade dos Galegos! Dixéronnos que foi unha axuda que precisaban moito e que non teñen palabras para agradecelo. 
Por aquí vos deixamos varias fotos nas que podedes ver todo o material enviado coa recadación, dos 1.261,84 €, que se xuntaran na carreira grazas á xenerosidade de alumnado, familias e profesorado, incluidos os veciños da Galiña Azul.





Aquí hai unha mostra do material escolar enviado, pero eran moitas máis unidades.

Non  queremos rematar esta actividade sen antes agradecer dun xeito moi especial a colaboración de Carlin Papelerías polos seus xenerosos descontos aplicados, A Balea das Cores polas súas doacións e super descontos feitos para este fin, a Correos Marín por todas as súas xestións administrativas e á Librería Arroyo de Ponferrada (a librería da mamá da nosa profe Alexia) por todo o material escolar doado para enviar a Valencia.
GRACIAS POR DEIXAR A VOSA PEGADA!!!

luns, 3 de febreiro de 2025

VI CARREIRA SOLIDARIA: SEIXO CON VALENCIA!

Como xa vos contamos AQUÍ, a carreira deste ano dedicámola a colaborar cun cole de Valencia afectado pola DINA, o CEIP Carme Miquel. Un ano máis foi unha xornada moi especial na que moitas familias nos acompañaron animando, correndo... igual que a Galiña Azul coa que desfrutamos compartindo esta actividade.
 

Aquí tendes un vídeo resumo de todas as carreiras, e da reunión da comisión económica, que fixo reconto da xenerosidade de todas as familias, o alumnado e o profesorado: Seixo con Valencia!!


Despois da carreira, compartimos unha merecida merenda para recuperar enerxías. Por suposto, grazas tamén ao super Camar e a augas San Xinés pola súa colaboración, un ano máis, coa froita e as augas. Graciás tamén a ANPA pola súa colaboración sempre, e ao Concello por cedernos o arco.


Como se viu no vídeo, a comisión económica, con representación de todas as aulas, reuniuse para facer o reconto que nos deixou coa boca aberta: 1.261,84€ cos que se mercarán xogos didácticos e materiais concretos que necesitan no centro. Estamos alucinados e moi agradecidos coa xenerosidade e solidariedade das familias de Seixo: graciñas! Pronto faremos o envío de todo o material, xa vos contaremos!


En 12 meses imos a pola VII!!

venres, 24 de xaneiro de 2025

VI CARREIRA SOLIDARIA

Un ano máis estamos organizando para o DÍA DA PAZ a VI CARREIRA SOLIDARIA “Corre con Arnaldo”. Trátase dunha carreira solidaria, que terá lugar o XOVES DÍA 30 a partir das 11:00 (se o tempo o permite). 
Este ano propuxemos ao alumnado axudar a un colexio de Valencia afectado pola DINA e, todas as aulas, en asemblea, decidimos ir adiante coa proposta, o cal será reflexado no consello de nenos.

Así que, un ano máis, queremos pedir a vosa axuda, esta vez para colaborar co CEIP Carme Miquel de Algemesí, convertendo esta carreira nun verdadeiro símbolo de PAZ. Premede na seguinte foto e poderedes ver un anaquiño do vídeo que compartimos co alumnado para coñecer un pouco máis sobre a situación deste cole.
  

O seu cole está en Algemesí, xusto ao lado do río Magre que desbordou coa DINA. O centro quedou tan afectado que teñen que derruílo e non poderán volver a construílo alí. Agora mesmo están acollidos noutro centro no que, o mellor que poden, continúan as clases. Falando co profesorado contáronnos que lles chegou material educativo de outras doazóns, pero o que botan en falta son xogos didácticos, como os que temos na biblio. Pensamos que, para non metervos no gasto de mercar xogos, o mellor sería recadar cartos (cada familia segundo as súas posibilidades) e, con todo o que xuntemos, nós encargarémonos de mercar os xogos favoritos do alumnado de Seixo, que seguro que tamén triunfarán co alumnado do Carme Miquel.


Os nenos e nenas, a partir do luns 27, poden traer un donativo (anónimo e voluntario segundo as posibilidades de cada familia), que será o pago simbólico para participar na carreira, e, con todo o recadado, mercaremos xogos didácticos e materiais concretos para mandar a Valencia.
Pero aínda hai máis... como todos os anos, se as familias queredes participar, acompañando aos nenos e nenas, podedes facelo e, si queredes, podedes aportar un donativo o propio día da carreira.
Animádevos a participar!!
CORRE CON ARNALDO POR UNHA
CAUSA SOLIDARIA!!!

venres, 2 de febreiro de 2024

V CARREIRA SOLIDARIA: SEIXO CHEO DE PAZ!!

Chegou o Día da PAZ, e con el a nosa carreira solidaria. Por 5º ano celebrámola con moita ilusión con todo o alumnado e cos veciños da Galiña Azul, que sempre desfrutamos moito coas súas visitas.
Graciñas a todo o alumnado pola súa implicación e esforzo, tamén a todas as familias por participar enviando alimentos, correndo... Grazas tamén, un ano máis, a ANPA Abelendo por axudarnos de forma práctica na carreira, igual que o fixeron os nosos colaboradores: Augas Sanxines e Supermercado Camar (aportando auga e a froita). E por suposto grazas a AMENAC e Cáritas Santomé pola fantástica labor que fan, durante todo o ano, para axudar ás familias máis necesitadas: sodes impresionantes!


Todos xuntos gritamos ben forte: 
SEIXO CHEO DE PAZ!!!

xoves, 2 de febreiro de 2023

IV CARREIRA SOLIDARIA

Seguimos RqueR e por iso este ano celebramos o día da Paz cheo de erres, porque unha R moi importante tamén é Repartir: temos tanto que non hai nada mellor que compartir cos demais. 

Por iso festexamos o día da PAZ recollendo alimentos que Cáritas Santomé e AMENAC se encargarán de repartir: xuntamos un montón de galletas e cacao (que é o que nos pediron dende as ONGs).

Fixemos a "IV Carreira Solidaria: corre con Arnaldo" que, por fin, puidemos volver a compartir coas familias e cos veciños da Galiña Azul: eramos un montón!!


Por suposto non gastamos papel nin tinta para facer os dorsais, trouxemos teas vellas e cada un fixo o seu: foi moi divertido e quedaron preciosos! Ademais xa están gardadiños para reutilizar o ano que ven!


Deixámosvos por aquí un vídeo resumen da carreira:


Grazas á colaboración de Supermercados Camar e de Augas San Xinés repartimos auga, froita e iogures a todo o alumnado. Unha vez máis graciñas ás mamás da ANPA que nos axudaron a repartir toda a merenda. Grazas tamén ao Concello de Marín por prestarnos o arco.

mércores, 25 de xaneiro de 2023

IV CARREIRA SOLIDARIA

Que alegría sentimos ao poder anunciar a carreira solidaria deste ano, porque xa non hai restriccións e podemos compartila coas familias, cos veciños da Galiña Azul... que ganas!



Está é unha carreira simbólica na que todos, alumnado, familias e profesorado, correremos pensando nos que nos rodean, nos que teñen menos... e farémolo con ganas de axudar e aportar o noso gran de area.
Grazas á colaboración de Supermercados Camar e de Augas San Xinés repartiremos auga e froita a todo o alumnado. Aproveitamos para avisar que ese día non se venderan bocatas.
Lembrade traer roupa cómoda para desfrutar a tope da actividade!

mércores, 2 de febreiro de 2022

CARREIRA SOLIDARIA 2022

 Que alegría poder recuperar a carreira solidaria, aínda que tivemos que correr con máscara, foi un día moi emocionante porque, despois de tantas actividades separados, puidemos xuntarnos e desfrutar da carreira todo o alumnado xunto.

Pasámolo pipa na carreira por cursos na que, dende os peques ata os maiores, corremos para axudar ás familias máis necesitadas de Marín.


Grazas á colaboración de Supermercados Camar e de Augas San Xinés repartimos auga e froita a todo o alumnado. Os peques foron os encargados de preparar a mesa de avituallamento: traballaron un montón!!


E, unha vez máis, as mamás da ANPA Abelendos estiveron repartindo a froita e a auga para recuperar enerxías despois da carreira.


Graciñas por estar sempre aí para o que sexa!


Xuntamos un montón de galletas e cacao para os almorzos dos nenos e nenas máis necesitados de Marín. Graciñas a Cáritas Santomé e a AMENAC pola súa colaboración e por encargarse de distribuilos.

xoves, 27 de xaneiro de 2022

III CARREIRA SOLIDARIA

Estamos felices e emocionados porque mañá, para conmemorar o día da paz, celebraremos a III Carreira Solidaria: "Corre con Arnaldo".


Está é unha carreira simbólica na que todos, alumnado e profesorado, correremos pensando nos que nos rodean, nos que teñen menos... e farémolo con ganas de axudar e aportar o noso gran de area.
Botaremos en falta ás familias, e esperamos poder correr xuntos en 2023, pero pasarémolo xenial por nós e por vós!
Grazas á colaboración de Supermercados Camar e de Augas San Xinés repartiremos auga e froita a todo o alumnado. 
Lembrade traer roupa cómoda para desfrutar a tope da actividade!