martes, 24 de decembro de 2024

NADAL 2024

O Nadal está cheo de momentos especiais, e os mellores son compartidos, por iso, ademais das moitas actividades que fixemos en cada aula, as máis desfrutadas foron as que fixemos todo o cole xuntos. Como a visita a correos para botar no buzón as postais que fixemos uns para outros: estamos desexando que cheguen ás casas!

 

O día de cine xa se está convertendo nunha tradición chulísima. En Seixo está o cine máis antigo de España e temos moita sorte por poder ir ata alí dando un paseo e que unha familia, que formou parte do cole, nos reciba con tanto cariño.
 

Xa compartimos o precioso que foi o FESTIVAL (podedes acceder premendo AQUÍ) e cando rematou desfrutamos dunha deliciosa chocolatada feita pola ANPA, que un ano máis nos brinda unha axuda imprescindible para que os días especiais sexan aínda mellores (decoración, cine, chocolate, visita de Papá Noel... non paran!!)
 

E por suposto rematamos 2024 coa visita máis especial e esperada de todas!


Despedímonos, ata 2025, cun saúdo mooooi especial que acaba de chegar ao correo do cole!!

luns, 23 de decembro de 2024

GUÍAS DE LECTURA 2024

Un ano máis, os Equipos de dinamización lingüística do Morrazo elaboramos unha guía chea de ideas para facer agasallos en galego: libros, música e incluso xogos, organizados por idades. Leandro Lamas foi o ilustrador que este ano se encargou de darlle vida ás guías cunha ilustración dunha cantareira, protagonistas este ano das letras galegas.

Todo o alumnado levou para casa a súa guía, a cal inclúe recomendacións para adultos, que esperamos que vos resultase útil. Deixámola tamén por aquí por si queredes compartila, que aínda hai que darlle ideas aos reis.

PARABÉNS PARA TI

 Continuamos nos recreos coas celebracións dos ANIVERSARIOS das nenas e nenos do cole!

No día de hoxe, celebramos o aniversario de:
- Andrés
- Mario
- Nora
- Yaiza
- Daniela
- Cibrán

PARABÉNS PARA VÓS RAPAZADA!

domingo, 22 de decembro de 2024

FESTIVAL 2024

O gordo xa nos tocara no cole de Seixo con este alumnado que desborda arte! Que delicia foi o festival de Nadal, pasámolo pipa! E aquí o tendes, completiño, para desfrutalo dende casa.
Antes de empezar estabamos moi nerviosos, o alumnado, o profesorado... e as familias! O ximnasio estaba a tope!

 

Comezaron os máis peques do cole, as clases de 3 e 4 anos con: "Muñeco de nieve en navidad"

  

Despois foi o turno dos nenos e nenas de 1º coa panxoliña: "¡Ay Dios mio!"

  

O alumnado de 5º de primaria deleitounos cunha montaxe chulísima coa música de Jingle Bells... vaia cordinación!

  

As nenas e nenos de 2º encheron de cor o escenario con: "As cores do Nadal"


A tropa de 5 anos continuou coa panxoliña: "Vuela, vuela esa estrella".


Fixemos un pequeno descanso, que os artistas necesitaban un respiro, e aproveitamos para sortear a cesta de Nadal entre toda a xente que mercou rifas para colaborar coa excursión á neve de 5º e 6º. O número premiado foi o 363.
 
  

Chegou o turno de 3º de primaria que nos deleitou cunha panxoliña moi especial: "La orquesta navideña"

  

As nenas e nenos de 4º de primaria sorprendéronnos a todos cunha montaxe moi especial.
 
  

A última actuación do cole foi a das nenas e nenos de 6º, que por última vez participan deste festival e pedazo actuación! Nótase moito ensaio detrás! Botamos de menos a Pedro que, a última hora, púxose maliño e non puido estar, un bico xigante para el!

 

Un ano máis despedimos o festival coa participación da ANPA, á que se sumou boa parte do profesorado, cunha panxoliña relacionada co proxecto deste ano. Sempre nos sorprendedes!
 

Graciñas a Tano, un ano máis, polo esforzo de montar este festival, e a todo o profesorado por colaborar co vestiario, cos ensaios... Tamén grazas a Clara e Eva pola estupenda presentación e a Andrés e Yolber por facer musculo abrindo e pechando as cortinas. O ano que ven... máis e mellor!!!

sábado, 21 de decembro de 2024

ARGALLANDO O TERREO PARA BIOMISIÓN

Antes de rematar o trimestre, o alumnado de 5º deixou ben preparados os seus bancais para que o compos feito coas follas de inverno deixara todas as vitaminas na terra.
 

Comezamos a tarefa moi limpiños co noso material (algunhas palas e carretillas quedábannos algo pequenas), pero ao final da tarefa estabamos "algo" sucios. 
Fixemos un bo traballo.






sábado, 30 de novembro de 2024

ARGALLANDO CON BIOMISIÓN

 O alumnado de 5º estivo sigue argallando co programa BIOMISIÓN, do que formou parte este ano, traballando da man da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), no CSIC de Pontevedra.


E a mediados de novembro por fin tivemos a primeira visita dos científicos do CSIC.

Explicáronnos que traballaban investigando plantas brásicas, buscando as mellores condicións para que medren e se defendan dos bichos.

Trouxéronnos unha pequena mostra: coles, brecol, nabizas,... que plantamos en semilleros coa etiqueta correspondente.

E fixéronnos un precioso agasallo: un kit para levar boa nota do noso traballo na horta.





xoves, 28 de novembro de 2024

PARABÉNS PARA TI

Continuamos nos recreos coas celebracións dos ANIVERSARIOS das nenas e nenos do cole!
No día de hoxe, celebramos o aniversario de:
- Sara
- Antón
- Salma
- Unai
- Aloia e Marina
- Oli
- Hugo

PARABÉNS PARA VÓS RAPAZADA!

mércores, 27 de novembro de 2024

MANS UNIDAS CONTRA A VIOLENCIA

O 20 e o 25 de novembro son días especiais nos que falamos, especialmente, da infancia e da violencia de xénero. Este ano traballámolo a partir de dous murais nos que participamos con partes do noso corpo. No día da infancia, 20N, plasmamos os nosos sorrisos pensando que cousas nos fan sorrir y que deberían ter todos os nenos e nenas do mundo para poder sorrir, cousas tan sinxelas como unha casa, unha familia, tempo para xogar, apertas....


O 25N, día contra a violencia de xénero, plasmamos no mural as nosas mans unidas contra a violencia, e con esa idea traballamos nas aulas. Aínda que somos peques, temos moito que aportar e que facer contra a violencia.
 

Ademais, o alumnado de 5º peparou unha representación para o alumnado de infantil no que puidemos ver que a violencia nunca é a solución.



martes, 19 de novembro de 2024

PARABÉNS PARA TI

Continuamos nos recreos coas celebracións dos ANIVERSARIOS das nenas e nenos do cole!

No día de hoxe, celebramos o aniversario de:
- Gabi
- Martín
- Efrén
- Azul
- Noel
- Erea
- Daryl

PARABÉNS PARA VÓS RAPAZADA!

venres, 15 de novembro de 2024

MAGOSTO 2024

Chegou o magosto, que é unha festa que nos encanta, porque nos encantan as castañas e aínda máis compartir tempo cos compis. Graciñas a ANPA pola súa axuda, este ano non so tivemos castañas... tivemos choripan!! Delicias galegas: chupamos os dedos!!

Tamén tivemos tempo para xogar todos mesturados, e, ademais de divertirnos, desfrutamos de compartir tempo e coñecernos un pouquiño máis.
 

Os de 4º fixeron a versión máis impresionante do RAP DO MAGOSTO, un traballo chulísimo!! Noraboa porque esta montaxe ten moito traballo detrás: pensar, ensaiar, gravar vídeo, gravar voces na radio...
 

Ademais de rapear, as nenas e nenos de 4º tamén cociñan, e queren compartir esta receita tan especial de magosto: flanes de castaña! 

xoves, 7 de novembro de 2024

PARABÉNS PARA TI

Continuamos nos recreos coas celebracións dos ANIVERSARIOS das nenas e nenos do cole!

No día de hoxe, celebramos o aniversario de:
- Clara e Noa
- Samuel
- Iker
- Leo
- Mael
- Darío
- Shayla

PARABÉNS PARA VÓS RAPAZADA!

venres, 1 de novembro de 2024

SAMAÍN 2024

Un ano máis despedimos outubro celebrando o Samaín no que o pasamos pipa! Grazas a ANPA tivemos o cole ambientado sen perder o punto divertido desta festa, para poder desfrutala todos! 
Ademais das actividades que se fixeron en cada aula, xuntos desfrutamos da lectura ás escuras, da exposición de cabazas y dunha merendola terroríficamente deliciosa! Un ano máis alucinamos coa creatividade das familias á hora de preparar as cabazas e as merendas: sodes as mellores!!

mércores, 30 de outubro de 2024

ENTREVISTA A RAFA, O NOSO FORMADOR DO PLAN DIRECTOR

En A VOZ DE ARNALDO, tivemos a sorte de poder entrevistar a Rafa...
Rafa é un Policía Nacional da Comisaría de Marín que leva, ano tras ano, formándonos a través do Plan Director.
Un programa moi moi interesante no que nos ensinan e nos fan ver a morea de perigos que nos podemos atopar no noso día a día nas redes sociais, na nosa propia vida...
Por aquí vola deixamos! Non vola perdades! 
Moitas gracias polo teu tempo Rafa e por ter aceptado a nosa invitación...
Ata outra!

venres, 25 de outubro de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2024

O día das bibliotecas sempre é un día moi especial no cole, porque o equipo de voluntariado da biblioteca sempre nos ten preparado algo especial, e este ano deixáronnos coa boca aberta. Representaron unha obra que prepararon dende 0: guión, vestiarios, escenario, aterezo... Ensaiaron moito e traballaron un montón, o cal se notou porque o resultado foi fantástico. Conseguiron ternos a todo o alumnado e o profesorado pasmados e alucinando. Parabéns por un traballo fantástico!


Tamén é un día especial porque poñemos en marcha as mochilas viaxeiras, que vas para as casas cargadiñas de lecturas, xogos... desfrutádeas!!!




martes, 22 de outubro de 2024

ARRANCAMOS CO PDI DESTE CURSO: ARGALLANDO ANDO!

Este curso a ciencia será o proxecto de centro, estaremos todo o curso Argallando, investigando, creando... e non podíamos imaxinar mellor forma de comezar que cun obradoiro creativo, relacionado coa ciencia, e feito por profesionais. David e Yolanda, de Arenaria, fixeron un obradoiro con cada clase, adaptado ás diferentes idades, nos que puidemos observar, experimentar... desfrutar da ciencia e coa ciencia!


Isto xa non hai quen o pare: 
ARGALLANDO ANDO está en marcha!

luns, 21 de outubro de 2024

ÉXITO DA X FEIRA DO LIBRO USADO 2024

Onte, todos os centros educativos de Marín, en colaboración coas ANPAs, puxeron en marcha a X Feira do libro usado, cun gran éxito de asistencia e co obxectivo cumprido: dar unha nova vida a centos de libros.


Unha delicia xuntarnos todos os centros de Marín, sobre todo facelo ao redor dos libros.

Graciñas ao Concello pola súa colaboración e por traer a Ce orquestra que amenizou a feira e fíxonos cantar e bailar. 



martes, 15 de outubro de 2024

luns, 14 de outubro de 2024

BIOMISIÓN: 5º DE PRIMARIA

Da man da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), un centro de investigación no ámbito das ciencias agrarias, forestais e ambientais radicado en Pontevedra e Santiago, as nenas e nenos de 5º de primaria do noso cole van participar no proxecto...
Ciencia para cultivar o futuro 
BIOMISÓN é unha iniciativa de divulgación científica para aprender sobre as sementes, sobre o seu cultivo e sobre o seu uso na cociña.
O proxecto contará con tres fases: investigación, transferencia e congreso.
Agora mesmo as nenas e nenos de 5º de primaria estivemos preparando as hortas para poder comezar co proxecto.
Retirada de malas herbas e prantas que quedaron dos cultivos do curso pasado e recheado dos bancais con terra e abono para comezar a nosa BIOMISIÓN.
Argallando andamos! 
Continuaremos informándovos!

xoves, 10 de outubro de 2024

PARABÉNS PARA TI

Continuamos nos recreos coas celebracións dos ANIVERSARIOS das nenas e nenos do cole!
No día de hoxe, celebramos o aniversario de:
- Emma
- Aine
- Antón
- Vera M.
- Álex
- Ari
- Diego B.
- Gabriel
- Salva
PARABÉNS PARA VÓS RAPAZADA!

venres, 4 de outubro de 2024

MAXIA NO COLE

Esta fin de semana celébrase o VII Festival Internacional de Maxia en Marín, e para quentar motores, recibimos no cole a visita de Francis Zafrilla, un dos magos que poderemos ver no festival. Desfrutamos un montón co seu espectáculo!
  

Premendo no cartel (feito por Esteban de Tarabelos, bo amigo do cole de Seixo) poderedes acceder ao facebook do festival e consultar o programa. Haberá maxia na rúa, nos escaparates, no multiusos... incluso na alameda de Seixo! Abride a axenda e apuntade todo!! 

luns, 16 de setembro de 2024

UN NOVO CURSO PARA ARGALLAR!

O primeiro día de clase atopamos o cole cheiño de moléculas, átomos, adn, engrenaxes, probetas, tubos de ensaio... ademais o profesorado recibiunos vestidos de científicos e científicas. Descubrimos que "Argallando ando" é o proxecto deste curso, vai a estar cheíño de ciencia, e de agasallo de benvida levamos tubo de ensaio cunhas píldoras de cores para converternos en científicos e científicas: imos aprender un montón!


Recibimos o novo curso cunha merendola compartida entre todo o alumnado e o profesorado: que alegría reencontrarnos e ter un novo curso para aprender e desfrutar! Tamén fixemos fotos moi divertidas e xogamos un montón!

venres, 13 de setembro de 2024

PARABÉNS PARA TI

Benvidos a unha nova sección de A VOZ DE ARNALDO...
A sección que se emite nos recreos na que lle damos os PARABÉNS POLOS ANIVERSARIOS QUE SE CELEBRAN a todas as nenas e nenos do cole!
No día de hoxe, celebramos o aniversario de:
- Roi
- Eydan
- Ariani
- Ariadna
- Sara Garrido
- Aitana
- María
PARABÉNS PARA VÓS RAPAZADA!

martes, 10 de setembro de 2024

BENVIDA DO PROFESORADO AO CURSO 2024/25!

Non queda nadiña, mañá comezamos. Todo o profesorado levamos días traballando, con moitas ganas e ilusión, para que todo estea listo para recibir aos protagonistas deste curso: os mellores alumnos e alumnas do mundo mundial!! Por iso vos mandamos un saludiño especial!


Vémonos maña, e compartiremos unha merenda de reencontro: que emoción! 
Ademais pronto descubriredes que andamos argallando este curso ;)
Vide cargadiños de bicos e apertas!!! 

domingo, 30 de xuño de 2024

O MAMBO DE SEIXO

Os profes Tano e Xosé propuxeron unha canción para pechar o curso con moito ritmo e o alumnado de 6º, con axuda da profe Irene, foron os encargados de facer unha gravación para non esquecela nunca! Cantámola moito!!!

DESPEDIDA CURSO 2023/24

Os dous últimos días do curso estiveron cargadiños de momentos especiais e moi emotivos. O xoves 20 fixemos as graduacións de infantil e de primaria. Podedes velas premendo en cada unha: GRADUACIÓN 5 ANOS, GRADUACIÓN 6º.
Por fin estreamos o mambo de Seixo (podedes ver o vídeo "oficial" premendo AQUÍ).

Ademais, tivemos outras despedidas moi emotivas. Despois de 11 anos despedimos á profe Bea que cambia de cole. Desexámoslle o mellor, botarémola moito de menos. Gracias Bea por deixar a túa pegada en Seixo!

E tamén despedimos a Irene, a presi da ANPA, sempre cercana, colaboradora, disposta... botarémola mooooito de menos!

O último día xogouse o esperado partido do alumnado de 6º contra o profesorado. O que non faia ningún ano é o ben que o pasamos xogando e animando!

Non puidemos resistirnos a cantar outra vez a canción do cole para despedir o curso. 

E co corpo en marcha seguimos bailando un pouquiño máis! E fixemos un tren que nos levou ata o muro de SEIXO CHEO DE VIDA que inauguramos nese mesmo momento (podedes velo premendo AQUÍ)

Os de 5 anos fixéronnos bailar un pouco máis coa súa canción... é irresistible!

E por suposto compartimos unha rica merendola porque, sen dúbida, cando nos xuntamos, todo sabe máis rico!

O curso que ven... máis e mellor!!!

sábado, 29 de xuño de 2024

GRADUACIÓN PRIMARIA

17 nenos e nenas, da man da profe Nerea, rematan o seu paso por primaria e gradúanse para marchar rumbo ao Chan do Monte


A profe Nerea entregoulles as súas orlas e tamén recibiron un agasallo da ANPA. As familias de 6º tamén quixeron ter un detalle con profesorado. 


A tropa de 6º fíxonos desfrutar co baile que prepararon: botarémolos moito de menos!!


Parece que foi onte cando entraron pola porta do cole por primeira vez... e agora xa esperamos que volvan de visita! Recordade que Seixo sempre será a vosa casa!

venres, 28 de xuño de 2024

GRADUACIÓN INFANTIL

Esta preciosa tropa de 21 fantásticos nenos e nenas, a tropa do profe Óscar, rematan infantil e están a puntiño de empezar primaria: que rápido medraron!!


O día da graduación recibiron a súa orla e tamén algúnha sorpresa que o profe Óscar tiña preparada.


E puidemos desfrutar do baile que tanto ensaiaron con Óscar e Jeni: encantounos!! Que marcha!!


Desexámosvos o mellor! Seguro que vai fenomenal o cambio de etapa, e o profe Óscar estará sempre no piso de abaixo feliz de recibir visitas!

mércores, 26 de xuño de 2024

I FESTIVAL MIÚDOS TALENTOS DE SEIXO

Durante o último trimestre, os obradoiros voluntarios no recreo, dedicáronse a preparar o "1º festival miudos talentos de Seixo". Apuntouse quen quixo e, con axuda do profesorado dos obradoiros, organizáronse, prepararon actuacións elixidas por cada grupo, fixeron o vestiario... deixáronnos sen palabras coa súa autonomía e creatividade! Un éxito!


Aquí tendes as actuacións, para que desfrutedes tanto como nós! Comezaron Dilan, Helena e Mateo cunha versión moi especial, en galego, de "Según quien".
 

Aine, Malena e Candela fixeron un baile chulísimo creado por elas mesmas, e o vestiario tamén!


Mia, Martín, Isabella e Sergio cantaron unha versión en galego de "Sofía", encantounos!

Brais, Hugo e Álex demostraron que son magos do balón!


Iván fixonos rir e desfrutar co seu monólogo, a el non se lle resisten as palabras!!

Clara, Sara, Vera, Sara G., María, Ari e Antía elixiron "Noche ochentera" para montar unha coreografía e facer uns traxes chulísimos. Quedamos sen palabras con tanto arte que hai en Seixo.

Miah, Irene, Uxía e Laia cantaron unha versión en galego de "Don´t you worry" que foi un éxito!

Foi un festival tan impresionante que incluso tivemos publicidade! O alumnado de 6º visitou varios comercios de Seixo e prepararon os anuncios.

Neste festival cantamos, bailamos, saltamos, rimos... e sobre todo emocionámonos con tanto talento e creatividade! Noraboa a todas as nenas e nenos que se animaron, foi unha delicia compartir o proceso e desfrutar o resultado.

martes, 25 de xuño de 2024

OBRADOIROS NO RECREO

Este curso, aproveitáronse a tope os obradoiros no recreo, e aquí temos unha pequena recopilación de diferentes propostas nas que participou o alumnado: xadrez, traballo na horta, pintado de porterías, cociña, calceta, costura.... moitísima variedade!!


Outro obradoiro que foi un éxito foi o de estampación de flores e tintes naturais.


Tamén se fixeron outros obradoiro dos que xa vos falamos e que podedes ver premendo no seu nome: FESTIVAL MIUDOS TALENTOS que tivo un proceso precioso de deseño, montaxe, ensaios..., BOTAS CHEAS DE VIDA no que plantamos flores en botas, OBRADOIROS DE NADAL no que se fixeron adornos para as árbores do cole e o MES DA CIENCIA no que xogamos e experimentamos.

MURO SEIXO CHEO DE VIDA

Pensaredes que isto é un cadro, pero non, é un muro do cole que agora luce así de bonito. É o produto final do proxecto deste curso, o resultado do traballo de 149 nenos e nenas, que, guiados por Esteban de Tarabelos, fixeron unha gran postal de toda a vida que temos en Seixo. Grazas ao programa de Bibliotecas creativas puidemos solicitar este obradoiro con Tarabelos.


Recordades o calendario de 2024? (podedes velo premendo AQUÍ). Nel, todo o alumnado, por clases, fixo ilustracións para os diferentes meses, sempre relacionado co proxecto deste ano. Esteban fixo unha selección deses debuxos e pasounos ao muro. Despois, todo o alumnado se puxo mans á obra para enchelo de cor. O mellor é que os vexades en acción. Desfrutade deste vídeo. 


Seixo cheo de vida e de creatividade! 


Un aplauso para as artistas e os artistas que fixeron, en equipo, un impresionane produto final do proxecto deste curso! Unha obra de arte que leva detrás moitas horas de investigación e traballo nas aulas.


E graciñas a Esteban de Tarabelos, que sempre pon moi fácil o traballo: é un pracer facer artistadas xuntos! Encargouse de pasar os debuxos do alumnado do papel ao muro, de guiarnos no pintado e de darlle o remate final ao impresionante traballo do alumnado.
 

Agora temos o rocódromo máis bonito do mundo mundial!!!

luns, 24 de xuño de 2024

PRIMEIRA PROMOCIÓN DE CIBEREXPERTOS DE SEIXO!

Fai unhas semanas compartimos a entrevista na radio a Rafa, o formador do plan director, co que tanto aprendemos este curso en 6º. Pois chegou o día de entregar os carnés á 1ª promoción de ciberexpertos de Seixo. Nun acto tan importante non podían faltar as autoridades por iso, ademais de Rafa, acompañounos o comisario provincial, o xefe da comisaría de Marín e o noso inspector de educación. Parabéns nenos e nenas, esperamos que nunca esquezades o aprendido e vos coidedes moito nos vosos paseos pola rede.
 

sábado, 22 de xuño de 2024

ULTIMO CONSELLO DE NENAS E NENOS DO CURSO 2023/24

O consello de nenas e nenos reuniuse por última vez, neste curso, para avaliar o curso e comentar as propostas, recollidas nas asembleas de aula, para o próximo proxecto. Grazas ás ideas do alumnado xa temos tema para o curso 2024/25! Dende logo non hai como escoitar ao alumado: que boas ideas teñen!!

venres, 21 de xuño de 2024

EXPOSICIÓN SEIXO CHEO DE VIDA

Durante todo o curso investigamos, da forma máis vivencial posible, a vida de Seixo, toda a fauna e flora tan impresionante que nos rodea por terra, auga e aire. Somos afortunados por ter o cole preto do mar, do monte, do río... iso é vida!!
A nosa exposición final recolleu parte do investigado durante todo o curso nas aulas, e a verdade é que foi unha delicia poder ver os traballos de outras clases. Noraboa a todo o alumnado e o profesorado: un traballo fantástico!!!

sábado, 8 de xuño de 2024

FESTA DA LINGUA

Un ano máis celebramos a festa da lingua cunha andaina ata A Pradeira onde, todo o alumnado e o profesorado, desfrutamos dunha xornada de convivencia co cole de Ardán: o rural de Seixo unido polo galego!
Camiñamos, merendamos, xogamos, firmamos camisetas... e rimos moito con Asacocirco e o seu espectáculo que nos deixou coa boca aberta!

DÍA DOS OCÉANOS

Non se nos ocorre unha forma mellor de celebrar o día dos océanos que desfrutando dunha das nosas fermosas praias, así que, todo o cole, saímos de andaina ata Aguete.


Alí desfrutamos dun baño xuntos, compartimos a merenda... e xogamos moito!!!


Pero tamén dedicamos tempo a limpar a praia e recoller lixo, porque os nosos oceanos son un tesouro que nos toca coidar dende ben pequenos.