luns, 24 de outubro de 2022

ANXO MOURE CELEBRA CON NÓS O DÍA DAS BIBLIOS

Este ano celebramos o día das bibliotecas con Anxo Moure. Este é un día moi especial no cole porque é o día que inauguramos de forma oficial a biblioteca para este curso (aínda que funcionaba a tope dende setembro). E pensando no tema do proxecto deste curso ERRE QUE ERRE, non podíamos ter outro invitado que Anxo, que antes de contador foi ecoloxista.  


Fixo 4 sesións para todo o cole nas que atrapamos contos e comémolos xuntos. Nas 4 sesións rimos moito, bailamos, aprendemos nomes de árbores, reflexionamos sobre o importante que é poñer en práctica todas as erres... e sobre todo aprendemos que todos somos marabillosamente imperfectos!


Despois xuntámonos todo o cole na biblo, que tiñamos moitas ganas de facelo, e fixemos cousas moi especiais. A primeira foi cantarlle parabéns a Arnaldo que non podía estar máis contento véndonos a todos xuntos na súa casa. 


Despois entregamos o premio do logo do cole, elixido entre todos os debuxos que se fixeron, voluntariamente, o curso pasado, entre as actividades do 50 aniversario. Os gañadores foron Olivia e Mario, e unha fusión dos seus debuxos será o logo do cole: que emoción!!! 


E despedimos este día repartindo as mochilas viaxeiras que comezan a súa andaina polas casas do alumnado. Esperamos que maiores e pequenos as desfrutedes moito e que nolo contedes nos cadernos.


Por suposto non podíamos perder a oportunidade de entrevistar a Anxo, na nosa radio, e falar de ecoloxía e natureza, que son o motor da súa vida e dos seus contos.


O alumnado de 4º e 6º investigaron moito sobre el e prepararon unha gran entrevista.


Aínda que Adrián, Naroa, Eva, Noa e Vera foron os que fixeron a entrevista, o traballo foi das dúas clases.

Desfrutade desta marabillosa entrevista que nos deixa tantas aprendizaxes para o día a día. 

Graciñas Anxo por ser tan auténtico e polo teu cariño. Que pracer compartir este día contigo!!

sábado, 22 de outubro de 2022

AGRADECIDOS POLO NOSO PATIO

Calquera día é bo para recordar que temos un tesouro no cole: o noso patio. Nel podemos dar clase, traballar, xogar, facer asembleas, subir ás árbores, coller froita, regar as flores, limpar, plantar, facer pícnic, ler contos, construír, escavar, e un longo etc.... que afortunados somos!!!

 

venres, 21 de outubro de 2022

SAMAÍN 2022

 


Xa está ahí o Samaín cargadiño de actividades terroríficamente divertidas nas que vos a animamos a participar en familia: decorar cabazas, vir a contar contos ao cole, disfraces.... vai ser unha semana diferente e seguro que moi divertida!!

venres, 14 de outubro de 2022

XOGOS NA BIBLIOTECA!!

 Ola a todos e a todas,

Esta semana visitou a nosa biblio Brazolinda que é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego.





Os nenos e nenas de primeiro de primaria fomos os elixidos para desfrutar desta xornada de xogos. Era a nosa primeira actividade na biblioteca desde que empezamos primaria!!




Xogamos a "Peixes e pares" para atopar a súa parella. 


Xogar ó "Agasallo" para atopar as cores dos dados foi moi divertido!!
Compre ser moi rápido para atopar os cinco agasallos!!


Desfrutamos co "barco equilibrista"  e co xogo "Arrecife"


Xogamos a "Veiga" para mellorar a psicomotricidad fina. 
É un xogo colectivo no que todos xogan no mesmo equipo.

 
 Tamén  practicamos as regras dos xogos de mesa:
 regras comúns, respecto das quendas, asociación dado-acción.



mércores, 12 de outubro de 2022

FELIZ DÍA DOS HORTOS ESCOLARES

O día 11 de outubro é o día dos hortos escolares, e non podíamos deixar pasar esta conmemoración sen presumir de horto, porque estamos moi orgullosos do noso e seguiremos R QUE R coidándoo e traballando nel.
Agora estamos recollendo a colleita do curso pasado e non podemos estar máis ilusionados: cenorias, tomates, pementos, fresas... e comezamos a preparar todo para seguir aproveitando ao máximo todos os bancais.
Feliz día dos hortos escolares! Pasade a coñecer o noso porque é unha marabilla!

luns, 10 de outubro de 2022

ARGALLANDO NO RECREO!

Arnaldo non deixa de propoñernos cousas novas, e este ano sorprendeunos cuns recreos do máis creativo!
Os profes fixéronnos varias propostas de obradoiros ás que engadimos outras do alumnado. E así, de forma voluntaria, temos a opción de apuntanos ao que máis nos guste: ganchillo, robótica, deportes, globoflexia, papiroflexia, natureza, horta, radio, xogos de mesa, impresión 3D, horta, etc...
Así de divertida foi a primeira semana na que houbo obradoiros de ganchillo (o máis solicitado!), papiroflexia, deportes, robótica, natureza, xogos de mesa e globoflexia.
  
 

Segundo os intereses do alumnado, cada semana, ou cada dúas, imos variando a oferta, que é diferente cada día. Estamos moi ilusionados e emocionados, tanto o alumnado coma o profesorado... isto está sendo moi divertido!!

xoves, 6 de outubro de 2022

EN BICI AO COLE!!!

Imaxes como esta nos enchen de emoción e de alegría, pero o noso desexo é ter o aparcadoiro cheiño de bicis e ter que solicitar outro!!


Este ano, o proxecto de centro, "R que R", quere facer clic en todas as cabezas: do alumnado, do profesorado, das familias... de todo Seixo! Intentaremos facelo de xeito sinxelo e práctico. Comezamos pola contraportada da axenda, na que contamos que este curso estreamos aparcadoiro de bicis no cole e os moitos beneficios que ten usar a bici.