sábado, 19 de novembro de 2022

TODO QUEDA NA CASA

ACTIVIDADE APRAZADA PARA O 29 DE NOVEMBRO DEBIDO Á FORTE CHUVIA PREVISTA PARA O MARTES 22

O cole e a ANPA seguimos RqR na labor de Reducir, Reutilizar, Reciclar…
E que mellor xeito que dando unha segunda vida a esas prendas que xa non nos valen..!?
Así que queremos convidar ás familias ao primeiro Rastrillo de roupa de segunda man!!
O martes 22 de Novembro, a partir das 16h, trae todas esas prendas e monta o teu posto para que outras familias collan o que precisen, e ti e os teus fagades o mesmo noutros postos onde seguro atoparemos oportunidades fantásticas.
Porque a roupa que xa non mos vale pode seguir dando un fantástico servicio.
A roupa que non tope familia levarémola a un punto de recollida.
Aproveitemos o cambio de estación e o medrío para renovar os armarios!!
Esperámosvos!!

luns, 14 de novembro de 2022

RqueR COS BOMBEIROS FORESTAIS

Dentro do noso proxecto RqueR queremos aprender a coidar mellor a natureza, e por iso a visita dos bombeiros forestais foi tan especial e aprendemos un montón!! Son uns auténticos heroes e heroínas que coidan dos nosos montes, que faríamos sen o seu traballo? fan unha labor moi importante e difícil.

Ensináronnos os seus camións, puidemos escoitar a serea e ver como fan para apagar o lume coas mangueiras, e non so o vimos: tivemos a oportunidade de probalo! Que emocionante e divertido ser bombeiros por un ratiño!

 

Despois explicáronnos o que había nunha exposición que montaron para ensinarnos a valorar a riqueza dos nosos montes, para coñecer mellor as árbores, os animais que viven no monte... e tamén puidemos ver as ferramentas que usan para apagar o lume. Foi moi divertido practicar cunha das ferramentas que máis utilizan, os batelumes: Seixo está a salvo!!


Para rematar xuntámonos na biblio cun bombeiro e cunha bombeira que compartiron cousas moi interesantes con nós e puxéronnos uns vídeos para seguir aprendendo.


Foi unha actividade fantástica na que os bombeiros forestais adaptaron as súas explicacións á idade de cada grupo, sempre con moita paciencia e simpatía. Foi xenial coñecer máis de cerca o seu traballo, porque ademais de coidar dos nosos montes saben transmitir o amor por eles. Mil grazas por ensinarnos máis formas de seguir RqueR!

domingo, 13 de novembro de 2022

MAGOSTO 2022

O venres desfrutamos do magosto ao 100%, e volvemos a compartir castañas e xogos, os maiores cos pequenos, como tanto nos gusta, pasámolo pipa!
E como seguimos RqueR, cada un fixo o seu cesto das castañas reciclando cartóns de leite, de zume... e quedaron fantásticos!
Por suposto comezamos o magosto enchendo ben o peteiro de castañas asadas: deliciosas!!


E se as castañas estaban tan boas foi grazas ás castañeiras da ANPA Abelendos que as fixeron e serviron con moito cariño... e tamén fixeron de maquilladoras!!! Grazas sempre pola vosa axuda e disposición, sen vós non sería posible.
 

E por suposto, co bandullo ben cheo, xogamos e xogamos, nun día de San Martiño soleado e caloroso. E nun día tan fermoso coma este só podemos estar agradecidos polo incrible patio que temos: é un tesouro!



martes, 8 de novembro de 2022

POLO SAMAÍN CÓNTAME A MÍN

Que afortunados somos por ter as familias máis molonas do mundo mundial! Graciñas a todas as mamás que viñeron ao cole a contar contos. Graciñas pola súa valentía e por sen tan enrolladas: pasámolo pipa! Estamos felices recuperando a normalidade que nos permite compartir momentos coas familias. Graciñas tamén ao alumnado de 4º que preparou contos para os compis máis pequenos. Que vivan os contos!!

martes, 1 de novembro de 2022

CELEBRANDO O SAMAÍN

Canto nos gusta desfrutar as festas ao 100%, sen restricións e coas familias no cole, que alegría!!


Esta semana de Samaín fixemos un montón de cousas e pasámolo pipa!!
Tivemos o cole decorado moi chulo, e dámoslle moitísimas grazas a todo o alumnado, que fixo cousas chulísimas, e a ANPA Abelendos polo traballazo que fixeron e por darlle un toque especial ao cole con cores e cousas divertidas.


E por suposto, outro ano máis, desfrutamos coas creacións feitas en familia coas cabazas: menuda tropa de artistas temos en Seixo!!


Un dos días fixemos a lectura ás escuras...
Sempre é un éxito e pasámolo xenial lendo coas lanternas!


Despedimos a semana con merendas terrorificamente deliciosas... non deixamos nin as migas! Ademais puidemos compartilas e así saben aínda mellor!!


Poder recibir outra vez ás familias, para contar contos, foi moi emocionate, tanto que merece unha entrada aparte: estade atentos!!!

venres, 28 de outubro de 2022

VISITA DO MARIN FUTSAL

O mércores 26 de outubro recibimos a visita do Clube Marín Futsal. O alumnado de 3º e 5º de Educación Primaria desfrutaron dunha sesión co coordinador da base, Jabugo, o adestrador do equipo da 1ª División Feminina, Ramiro López e dúas das xogadoras, Bea Mateos, natural de Salamanca ,e Ale de Paz, natural de Neda (A Coruña) e que acaba de participar no Preeuropeo feminino de Finlandia onde España conseguiu o billete para a fase Final6 de marzo.


O obxectivo desta visita é promocionar o fútbol sala femenino, o clube e compartir co alumnado experiencias vividas coa práctica do deporte.
 
A sesión tivo dúas partes: a primeira de charla, onde se falou das características deste deporte, nº de xogadores/as, terreo de xogo, posicións,... e a segunda de práctica, onde o alumnado desfrutou de pequenos partidillos xunto coas xogadoras no ximnasio do centro.


Para finalizar, as xogadoras repartiron entradas para o partido deste sábado 29 de outubro entre o Marin Futsal e a AD Alcorcón no pavillón da Raña ás 17 horas.


Dende o CEIP de Seixo, agradecemos a visita ao clube Marín Futsal e desexámoslle moita  sorte para este partido e o que resta de liga.

xoves, 27 de outubro de 2022

RECÓRDAME

Un dos recunchos que decorou a ANPA está inspirado na película de COCO e quedou así de bonito.


Centrados nese recuncho a ANPA propón ao alumnado unha actividade moi fermosa para que fagades, voluntariamente, na casa. Estaremos encantados de recibir as vosas achegas.