martes, 27 de xuño de 2023

ADEUS INFANTIL... BENVIDA PRIMARIA!!

En setembro de 2020, en plena pandemia da COVID-19, chegou a Seixo un marabilloso grupo de nenas e nenos aos que admiramos un montón polo valentes que foron, chegando a un cole novo nun momento tan complicado... e que ben o fixeron!!!


Eran uns pequerrechos marabillosos, e, aínda que pasaron moito tempo coas máscaras postas, nunca deixaron de sorrir! Se queredes ver a súa presentación no cole premede AQUÍ


Case sen darnos conta pasaron 3 cursos e xa remataron infantil. E fixérono con moita marcha, porque este grupo, incluída a profe, son moi festeiros e "bailongos"... para mostra podedes ver o ben que bailaron na súa graduación!

Con moita emoción, a profe Jeni foi entregando as orlas a todos os pequerrechos, da clase de 5 anos, que dentro de nada comezan 1º con moitas ganas e ilusión... e tamén con moitos nervios!

 

Que tropa tan bonita! Desexámosvos o mellor!!


Con estes fermosos sorrisos damos os parabéns a todos e cada un dos nenos e nenas que tan ben o fixeron nestes anos ben rariños, cheos de restricións, pero moi ben aproveitados! 


Seguirémonos vendo cada día, nunca esquezades canto vos queren as profes de infantil e a ilusión que nos fai recibir visitas!!

domingo, 25 de xuño de 2023

ADEUS PRIMARIA... BENVIDA SECUNDARIA!!

Cando chega final de curso chegan as despedidas, e este ano tócanos despedir a esta tropa que, na maioría dos casos, leva 9 anos no cole... 9 anos son moitos anos!!

 Para despedirnos agasalláronnos con este baile: un gran traballo en equipo!


E chegou o momento de entregar orlas e diplomas como resultado do esforzo e do traballo durante tantos anos, que emoción, todos marchan rumbo a secundaria!


Pero non pensedes que estes nenos e nenas sempre foron tan maiores. En setembro de 2014 chegaron a Seixo 14 pequenos e pequenas que desfrutaron 3 anos cheos de aprendizaxes co profe Jorge antes de saltar a primaria onde estiveron con Bea, con Graciela, con Pachú e agora despiden a primaria con Alexia.
 

En 3º sumáronse a este equipazo 6 novos compis que completaron o grupo que se despide este ano do cole.
 

Estes son os 20 graduados deste curso aos que botaremos moito de menos!


Incrible que xa pasasen 9 anos dende que chegaron ao cole, hai que ver canto medraron!!


Cando remataron infantil fixemos unha montaxe dos seus 3 primeiros anos no cole, e agora aínda é máis emocionante vela!


Se queredes ver máis recordos da súa etapa infantil podedes facelo premendo AQUÍ, onde atoparedes unha recompilación de entradas desta promoción: alucinaredes!!!


Ata pronto a todos e todas! 
Desexámosvos o mellor, non só no instituto, senón en toda a vosa vida. 
Lembrade que Seixo sempre será a vosa casa!!!

sábado, 24 de xuño de 2023

MASTERCLASS DE ZUMBA

 Unha das actividades que fixemos para despedir o curso foi unha masterclass de zumba: pasámolo de marabilla!!! As profes Jeni e Olalla, que son unhas expertas, organizaron esta clase con Bruno Hermida, un súper profe de zumba que nos fixo bailar e sudar... pero sobre todo rir un montón! A chuvia veu de visita, pero co súper porche que temos agora, fixémola igual: encántanos esta herba!! Graciñas a Bruno e a estás súper mestras por activarnos dunha forma tan divertida! 

venres, 23 de xuño de 2023

DÍA DA BICICLETA

 Como parte do proxecto RqueR quixemos celebrar, de xeito especial, o día da bicicleta, por ser un medio de transporte que coida do noso planeta e do noso corpo!! Grazas á axuda da Policia Local de Marín desfrutamos dunha xornada moi especial, e dende ese día algúns nenos viñeron en bici ao cole, esperamos que se animen máis. Este verán... todos a rodar!!!

xoves, 22 de xuño de 2023

FESTEXAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS! "Camiñamos coa Lingua"

Este ano, para celebrar o día das letras galegas, fixemos unha festa moi especial na que todos, alumnado e profesorado, desfrutamos xuntos dunha xornada chulísima que nos encantaría repetir o próximo ano. Comezamos facendo unha andaina polo galego, lucindo os carteis tan chulos que fixemos, ata A Pradeira onde compartimos merenda, xogos... pasámolo xenial!


E alí tamén desfrutamos moito bailando e cantando en galego con Cé Orquestra: pasámolo pipa!!! 


Graciñas á igrexa evanxélica de Marín por deixarnos A Pradeira para desfrutar deste día tan especial!

mércores, 21 de xuño de 2023

CAMPIONATOS DEPORTIVOS NO RECREO

Os campionatos no recreo son unha das actividades estrela dos recreos do último trimestre: son moi emocionantes e divertidos! Despois de formar os equipos e de facer o sorteo público, desfrutamos de moitos recreos xogando partidos de: atrapa a bandeira, brilé, baloncesto e futbol sala. E os peques de infantil tamén tiveron as súas probas!!
 

Outro dos momentos máis esperados é o partido do alumnado de 6º contra os profes, sempre é moi divertido!!
 
 

Este ano un grupo de exalumnos foron os encargados de facer a entrega de trofeos aos gañadores. "Equipo salvaxe", de 5º, foi o campión en brilé e "Driller-nike", de 6º, de atrapa a bandeira, baloncesto e futbol sala.  Ademais, tamén se entregaron premios especiais de participación a todo o alumnado: un chaveiro especial feito na impresora 3D.


O ano que ven: máis e mellor!!

martes, 20 de xuño de 2023

OBRADOIROS NO RECREO

Como xa vos contamos, este ano, de forma voluntaria, no tempo de recreo fixéronse diferentes obradoiros: ganchillo, robótica, deportes, globoflexia, papiroflexia, natureza, horta, radio, xogos de mesa, horta, etc...
Aquí tendes unha última recompilación dalgúns dos obradoiros dos últimos meses.


E rematamos o curso cun espazo de creación libre, dunha escultura colaborativa con material de refugallo, que xurdiu dunha petición do alumnado no consello de nenos. O alumnado que quixo colaborou, libremente, cun resultado espectacular!


Premendo AQUÍ podedes ver como de divertida foi a primeira semana na que houbo obradoiros de ganchillo (o máis solicitado!), papiroflexia, deportes, robótica, natureza, xogos de mesa e globoflexia.
Nalgúns momentos do ano os obradoiros estiveron relacionados con datas especiais: no mes da ciencia fixemos experimentos (pode verse premendo AQUÍ), no nadal fixemos adornos de refugallo (pode verse premendo AQUÍ), no día dos hortos escolares puxemos en marcha o traballo na horta (pode verse premendo AQUÍ), en abril dos libros e maio das letras acompañamos ao alumnado na elección de contos e a preparación de contacontos con títeres, kamishibai, proxeccións, etc. (pode verse premendo AQUÍ).

Os obradoiros foron un éxito e no consello de nenos pediron que se sigan facendo o próximo curso.