martes, 8 de marzo de 2022

UNHA GRAN MULLER NA HISTORIA DO COLE DE SEIXO: A PROFE KATI

Hoxe é o Día da Muller e nel falamos, investigamos e artisteamos sobre as mulleres importantes da nosa vida, mulleres importantes na historia de Galiza... e por suposto, mulleres importantes na historia do cole. 
Moitas mulleres deixaron pegadas no cole de Seixo: cociñeiras, limpadoras, alumnas, conserxe, mestras... e tamén directoras!
Na historia do cole 10 persoas pasaron pola dirección, e 5 delas foron mulleres... canto nos gustou este dato! 
Hoxe, dende a clase de 6º de primaria, queremos compartir a entrevista que lle fixemos a unha delas, que ademais foi a que tivo a responsabilidade da dirección durante máis tempo nestes 50 anos de historia do cole: a PROFE KATI.

Ela tamén tiña que formar parte deste proxecto que estamos a levar a cabo os de 6º con motivo do 50 aniversario do noso cole: ANACOS DE VIDA DO COLE DE SEIXO
Na súa visita á radio contounos a súa longa experiencia no cole, na que pasou por moitos cursos. 
O que máis lle gustaba era dar clases, de Matemáticas e de Ciencias da Natureza, aos cursos máis altos...
Co cambio do sistema educativo chegoulle o nomeamento "de directora" por sorteo... Como ela nos dixo... "non cambiaría nada se volvera a pasar".
Catorce anos adicados á dirección do centro traballando e aprendendo, como ela moi ben nos destacou na súa entrevista...
Kati resumiu os 31 anos destinada en Seixo en 4 palabras: traballo, responsabilidade, compañeirismo e amizade.
Por aquí vola deixamos, non vola perdades!
Antes de despedirnos dela, fixémoslle entrega dun pequeno agasallo como recordo desta celebración tan importante no noso cole...
A taza oficial conmemorativa do 50 aniversario que xa forma parte desta celebración!
Unha taza de edición limitada da que só uns poucos serán os agraciados en poder tela!
Ata outra profe Kati!
As portas do cole quedan abertas de par en par para que nos fagas unha visita todas as veces que queiras a esta que é a túa casa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario